O candidato agradece “o apoio dos compañeiros que asinaron o seu aval” e comprométese a “devolver esta confianza traballando dende a responsabilidade para avanzar nunhas Novas Xeracións de todos e para todos”
Lugo, 10 de agosto de 2024. O Comité Organizador do Congreso de NNXX da provincia de Lugo vén de proclamar a Miguel Gallego candidato á presidencia da formación, despois de verificar o preto do cento de avais á súa candidatura que foi a única presentada ante os organizadores do cónclave que se celebrará o vindeiro 6 de setembro na sede do Partido Popular.
O portavoz do PP de Samos de 26 anos agradece “o apoio dos compañeiros que asinaron o seu aval” e comprométese a “devolver esa confianza traballando dende a responsabilidade para avanzar nunhas Novas Xeracións de todos e para todos”.
Licenciado en Administración e Dirección de Empresas e gandeiro titular da súa propia explotación, Gallego aposta polo “traballo e a unión” para “lograr xuntos alcanzar as nosas metas”.
O candidato á presidencia destaca que “dende o noso partido se está apostando polos valores que nos permitan enfrontarnos aos retos actuais coma aos vindeiros” e defende que “nós como mocidade, sen esquecer o traballo que nos deixan outros feito, temos a responsabilidade do futuro nas nosas mans”.
Unha vez proclamada formalmente a candidatura desenvolverase unha campaña interna. E a celebración do congreso de NNXX da provincia terá lugar o 6 de setembro na sede do Partido Popular, aberta a tódolos mozos e mozas que queiran participar.