A portavoz sinala que “nin o Concello nin a Deputación de Lugo fixeron os deberes; senón que dilataron no tempo a procura, nomeamento e formalización da instrución para informar sobre as circunstancias excepcionais acaecidas no corpo da Policía Local inactivo dende febreiro”
Viveiro, 8 de agosto de 2024. A portavoz do PP, Mariña Gueimunde, conclúe tralo pleno deste mércores que “a alcaldesa de Viveiro leva seis meses mentindo” en relación ás xestións para aclarar a situación da Policía Local. É máis, “nin o Concello de Viveiro nin a Deputación Provincial fixeron os deberes; senón que dilataron no tempo este procedemento sen dar explicación algunha”.
A popular explica que “a proposta de convenio de colaboración entre o Concello de Viveiro e o Concello de Lugo co que formalizar as condicións de traballo do instrutor do procedemento informativo e de actuacións previas que resolveu a propia rexedora socialista o 29 de xullo é unha proba máis que evidente de que non había nada avanzado ata o de agora, a pesar de que anunciara en maio que xa estaba nomeado”.
Iso si, “aínda non sabemos se está asinado formalmente ese convenio porque a alcaldesa non nos permitiu pedir explicacións durante o pleno”, segundo indica a portavoz do Partido Popular en Viveiro. Ademais, Mariña Gueimunde entende que “o instrutor non debe actuar ata que estea formalizada a súa relación co Concello de Viveiro coa que garantir as condicións do seu traballo”.
Os populares explican tamén que “a proposta de convenio recolle que o Concello de Viveiro correrá co pago polas horas de traballo máis os custos da Seguridade Social” por un servizo para o que “a alcaldesa di que non hai técnicos no Concello de Viveiro cando si que os hai que poderían realizar ese traballo sen cargar ás arcas municipais con estes gastos a maiores”. Concretamente, a portavoz aclara que “no procedemento de estabilización de emprego hai nomeados funcionarios administrativos que poderían desenvolver esa función”.
Mariña Gueimunde tamén censura que “a señora Loureiro destacara que a Deputación fora quen apoiara ao Concello neste procedemento, pero o que estamos vendo é que pasou a bóla e simplemente puxo en contacto ao Concello de Viveiro co Concello de Lugo”.