«Osa» achega unha ollada tenra e orixinal arredor da maternidade percorrendo as estacións dende finais do verán e principios do outono, transcorrendo o inverno e comezando a primavera. O texto, breve e suxestivo, contrasta coa forza expresiva das imaxes: primeiros planos que resaltan a fisionomía monumental da protagonista; o detallismo nos trazos, nos matices cromáticos e nas texturas; o dinamismo das imaxes e a representación do paso do tempo.
Reforzando o lirismo das palabras, destacan especialmente as metáforas visuais: o valor simbólico das pegadas que envolven a obra, a anatomía de Osa integrada na paisaxe e o paralelismo entre a primavera e a maternidade incipientes. Velaí o agromar da vida, cerna deste fermoso libro que sitúa as lectoras e os lectores ante as sensacións dunha criatura tan poderosa como entrañable.
Doutor pola Universidade de Salamanca, da que foi reitor, José Ramón Alonso é catedrático de Bioloxía celular e investigador principal no Instituto de Neurociencias de Castela-León. Ademais de docente, tamén imparte conferencias en universidades estranxeiras. Autor de máis de 50 libros e máis 160 artigos académicos, é especialista en divulgación científica, un labor polo que ten recibido os principais premios deste sector, ademais de exercer importantes cargos institucionais. Tamén foi distinguido en certames de contos e microrrelatos.
De orixe lucense mais afincada na Coruña, Lucía Cobo estudou Enxeñaría e, logo de traballar uns anos como deseñadora gráfica, titulouse en Ilustración na Escola Pablo Picasso, ampliando a súa formación cun Máster en Álbum Ilustrado. Ademais de ilustrar libros, tamén imparte obradoiros para público infantil e adulto. Recibiu unha mención de honra no V Catálogo Iberoamericano de Ilustración (2014), entre outros recoñecementos. «Osa» foi o libro co que iniciou a súa traxectoria artística; o segundo no catálogo de KALANDRAKA, tras ilustrar o poemario «Continente animal».