Mañón, 15 de agosto, 2024. Este domingo 18 terá lugar o primeiro acto das XIV Xornadas Memoria dun Tempo: a descuberta da placa en homenaxe ao que foi alcalde de Mañón dende o 16 de marzo de 1936 ata que foi deposto polos golpistas a mediados de xullo dese mesmo ano.
Será un acto a celebrar fronte a que foi a súa vivenda no nº 5 da rúa Covas, en O Barqueiro, e no que participarán coa palabra o actual alcalde do Concello de Mañón, Alfredo Dovale; Carme e M.ª Jesús Armada, netas de Jesús Castaño, asasinado o 16 de abril de 1937 no Castelo de San Felipe xunto con 5 dos seus veciños: Jesús Verdeal Maseda, Germán Cervo Maseda, Jesús María Fernández Fernández, José Rivera Vieiros e Manuel Ventosinos Pereira.
Intervirán tamén o historiador e Catedrático de Historia Contemporánea da USC, Emilio Grandio; un representante de Nordés, asociación que presentou a proposta que despois foi aprobada por unanimidade no Pleno do Concello (PP e PSOE) o 25 de maio de 2023.
Tamén contarase pola parte musical coa participación de David Bellas, gaiteiro e profesor do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro.
Nordés convida a toda a veciñanza do Barqueiro, á de todo o concello de Mañón, e a toda a xente que o teña a ben, a que participen coa súa presenza para facer cumprida homenaxe a Jesús Castaño Galdo, un home bo que só fixo cumprir coa que era súa obriga como demócrata e como alcalde sen empregar violencia nin derramamento de sangue.