Foz, 2 de agosto de 2024. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, informa que desde hoxe, venres 2 de agosto, as nenas e nenos do concello poden disfrutar de novo do parque infantil da rúa Julia Minguillón despois da reforma integral realizada.
O alcalde recorda que este parque “foi aberto no ano 2009 polo alcalde Pepe Rivera. Quince anos despois, grazas ao financiamento da Deputación de Lugo, a área infantil de xogos foi completamente renovada, con pavimento continuo de caucho e nove xogos distintos entre os que se inclúen dúas estruturas con tobogán e plataformas, dúas estruturas de columpios e dous balancíns. Foron 63.000 euros de inversión dentro dun proxecto de 120.000 euros que inclúe a renovación dos parques infantís de Cu do Castro, na praia de Llas, e do parque de Marzán, no que comezaremos a traballar o próximo luns e que permanecerá pechado durante a execución das obras”.
Fran Cajoto explica que “esta actuación enmárcase dentro dun plan de renovación de parques infantís que comezamos no Paseo de Colón, a carón da Rapadoira, e no parque da rúa Uxío Novoneira, no que se construíron as dúas primeiras pistas de petanca da Mariña -que están a ter un gran éxito- e que se acaba de ampliar con dúas pistas adicionais”.
O alcalde e o concelleiro de parques e xardíns, Ángel Fernández Neira, anuncian ademais unha próxima actuación para o acondicionamento do conxunto do espazo do parque de Julia Minguillón. “Renováronse as antigas fotos de Foz deste parque grazas ao traballo tamén de Xesús de Breogán e de Chema Linares. Despois da renovación completa do parque infantil, cómpre substituír as pasarelas deterioradas do xardín, unha mellora no espazo cardio-saudable do parque e o pintado da pérgola e dos valados. En próximas datas executaremos estes traballos”, rematan.