Site icon Crónica3.com A Mariña

“Formas”, por Antonio Gregorio Montes

O contido é todo, pero ese todo depende das formas. Por exemplo, a aceptación do ‘todo’, sexa o que sexa. Ou a súa interpretación, tan variable tantas veces.

Atopei hai uns días nun xornal “Arrecian los ataques del lobo. El depredador mató (…)” como título dunha nova. No texto especificábase que a morte fora dunha ovella esa semana, e cinco a anterior, a quince quilómetros de distancia en liña recta. Sen dúbida, abondo para o gandeiro que sufriu o ataque, aínda non tendo novas semellantes de semanas anteriores (tampouco as houbo despois). Mais, lendo o titular parece como se fora urxente unha mobilización con reparto de armas ós veciños e organización de batidas (defensa/ataque) contra os cánidos sublevados contra os humanos, contra nós. Caza no noso completo dereito, atacados polas sen dereitos bestas salvaxes. E así, por moi corporativistas que sexamos, a pouco que reflexionemos, podemos ver que ago falla, que as bases de razoamento, sentimento e actuación deberan ser outras.

Non, non me poño a defender o lobo expoñéndome ó ataque dos lobos humanos, pero tampouco ‘por ser nós quen somos’ considero que teñamos o dereito de aniquilación de animais en competencia connosco. Animais que levan milenios retrocedendo diante do noso avance, cada vez máis rápido, na destrución do seu xeito de vida. E que se se recuperan é sinxelamente polo noso abandono de grandes áreas e o cambio no noso xeito de vivir por intereses que nada teñen que ver con eles. É a evolución e as súas consecuencias, si, pero a estas alturas, podendo nós exercer un certo control sobre a evolución, estamos de feito a levalo a cabo mesmo no noso propio prexuízo a medio prazo. Mais é difícil atopar novas con titulares como este outro, “El ganadero Javier Arroyo valora que el cánido salvaje controle los ecosistemas”. Pero existen. E ese ‘valora’ refírese a que valora de xeito positivo.

Iso si: pode ser complicado falar, e poñerse de acordo con outra xente, sobre este tema ó igual que sobre outros. Aí están as guerras para demostralo, aínda que soen ser máis por intereses particulares ‘absolutos’ dun puñado de xente con poder que por falta de xeitos de diálogo da xente común. Pero cos animais non sabemos falar, aínda que podamos facer tentativas, moitas veces con éxito, para comprendelos e que nos comprendan. Mais, que se pode esperar de nós, dez meses despois do comezo do inconcluso xenocidio gazatí e con xente que usa a xeración de odio como arma?

Os lobos teñen mala fama xa de antigo. “Homo homini lupus”, o home é lobo para o home, dicía Plauto de xeito pexorativo para o lobo uns douscentos anos antes de Cristo. Visto o visto, se hoxe non se di por contra ‘o lobo é home para o lobo’ non é porque, ao menos entre eles, parece que se comporten mellor que nós entre nós, senón porque nos cremos mellores… porque si.

Exit mobile version