Site icon Crónica3.com A Mariña

Expomar cumprirá o seu 20 aniversario nun escenario renovado

A Fundación Expomar xa traballa na organización da próxima edición da Feira Náutico Pesqueira, que se celebrará do 7 ao 10 de maio de 2025 nunha renovada nave de redes

Burela, 31 de agosto, 2024. O Padroado da Fundación Expomar reuniuse na última semana de agosto coa mirada posta na súa grande cita do vindeiro ano: o vixésimo aniversario da feira monográfica Expomar, que celebrará co obxectivo de volver a converter Burela na capital do mundo do mar durante uns días e superar os récords de superficie de exposición e participantes da anterior edición.

“Unha das metas da feira será atraer novas empresas dos sectores náuticos e deportivos, abríndose especialmente ao mundo do turismo mariñeiro, do que Expomar e Burela seguiremos sendo dos seus principais promotores en España”, asegura Carmela López, presidenta da Fundación Expomar e alcaldesa de Burela.

Como xa é habitual, de forma paralela á feira celebraranse as Xornadas Técnicas e o Encontro Empresarial de Organizacións Pesqueiras, que cumprirán as súas 32ª e 26ª edicións, respectivamente, e que reúnen cada ano aos profesionais e entidades máis representativas do sector pesqueiro a nivel nacional e onde se debatirá sobre o futuro do sector pesqueiro, abordando como sempre os retos e dificultades do momento na pesca.

Unha das grandes novidades da próxima feira será o seu xa clásico escenario, na nave de redes do porto de Burela, na que este verán comezaron os traballos de mellora e renovación da súa estructura grazas á iniciativa da Confraría de Pescadores de Burela e Portos de Galicia. Deste xeito, a feira Expomar celebrará o seu vixésimo aniversario nunha nave recén restaurada e perfectamente acondicionada para acoller este tipo de eventos.

Na reunión desta semana o Padroado de Expomar tamén aprobou as contas do pasado exercicio 2023, que se saldaron con resultado positivo despois de celebrar as feiras Expomar e Produart, e outras actividades destacadas como o primeiro “Día do Orgullo Mariñeiro”.
A xerencia deu conta das diferentes accións realizadas no que vai de ano 2024, como foron as Xornadas Técnicas e Encontro Empresarial de Expomar en maio e a feira Produart neste mesmo mes de agosto.

Asimesmo tamén se programaron o resto de actuacións que se van levar a cabo no segundo semestre deste ano, entre os que destaca a continuada aposta pola promoción do turismo mariñeiro. De feito a Fundación Expomar é unha das entidades promotoras da creación da “Rede Nacional de Turismo Pesqueiro”, que se presentou a finais do pasado ano.

“Esta iniciativa inclúe a promoción e divulgación sobre as actividades da pesca e os seus oficios, con roteiros e propostas socioculturais, visitas a lonxas, barrios mariñeiros, portos, faros ou museos; e seguro que axudará a promocionar aínda máis Burela dentro do mapa turístico nacional, apoiando a comercio, hostalería e aloxamentos mariñeiros”, comenta Ramiro Fernández, concelleiro de Mar e Turismo do Concello de Burela.

Entre as accións previstas para os próximos meses destaca a presencia en misión comercial na Feira Conxemar, que se celebrará os primeiros días de outubro en Vigo; e unha nova participación a comezos de novembro na “Feira Expomar de Cabo Verde”, en colaboración coa Consellería do Mar da Xunta de Galicia para promocionar o sector pesqueiro galego.

Finalmente, este ano 2024 pecharase a mediados de decembro con unha nova celebración do “Día do Orgullo Mariñeiro”, que se iniciou con grande éxito o ano pasado e que de novo combinará a divulgación nas escolas, a exaltación da cultura mariñeira e a gastronomía do mar para chegar a tódolos públicos.

Exit mobile version