Site icon Crónica3.com A Mariña

Este sábado terá lugar en Remourelle a XVII Festa da Carne ao Caldeiro

Ribadeo, 15 de agosto de 2024. O 17 de agosto terá lugar en Remourelle a XVII Festa da Carne ao Caldeiro, que organiza a asociación veciñal A Madanela coa colaboración do Concello de Ribadeo e da Xunta de Galicia.

O alcalde, Dani Vega, contou que “esta fin de semana, concretamente o sábado 17, celébrase a Festa da Carne ao Caldeiro, coa que Remourelle quere darlle un valor a un produto de proximidade, como é a carne de tenreira galega, un produto de excelencia. E dende logo nosoutros dende o Concello e tamén dende a Xunta, que nos axuda a financiar esta celebración con degustación dun produto que leva moito tempo Remourelle promocionando, como é esa carne selecta de tenreira galega que hai en Remourelle”.

O rexedor cre que “é moi importante resaltar estas celebracións, darlle valor a un produto que detrás del hai moitísimo traballo de moitos gandeiros. E dende logo nosoutros, como Concello, queremos seguir colaborando con eles. É unha celebración onde se quere poñer en valor unha forma de vida, que é o gandeiro; un produto, que é a carne de tenreira galega; e nesa celebración tamén vai haber momento para xogar aos bolos, como se leva facendo hai moito tempo, e dende o Concello colaboramos con eles, e tamén a cooperativa Clun nestes momentos quixo colaborar con eses trofeos, poñendo en valor os produtos lácteos e cárnicos”.

Vega considera que “se está facendo moi ben esta celebración. A asociación de veciños de Remourelle está traballando moito, tanto Mari Toni como Alberto como Suso … Creo que todos os que levan toda a vida organizando esta celebración seguen facéndoo ben, pero hai que destacar que xa hai relevo xeracional e polo tanto estase garantindo que tanto Remourelle como os seus veciños teñan actividades e esta celebración tan importante como é a Festa da Carne ao Caldeiro, esa degustación da carne tenreira de Galicia, que é tan boa e con tanta calidade”.

Exit mobile version