Site icon Crónica3.com A Mariña

Este sábado comeza a XXXVIII Semana do Teatro Afeccionado do Valadouro

O Valadouro, 30 de agosto, 2024. Este sábado comeza a XXXVIII Semana do Teatro Afeccionado do Valadouro. Será no Salón de actos da Casa da Cultura ás 22 h con entrada de balde.

Desde o sábado 31 de agosto ó 6 de setembro de 2024.

Nesta edición contarase con grupos de fora e do sur da provincia de Lugo, sen esquecer a representación mariñá nin dos grupos locais. Un dos grupos é a primeira vez que acude ó Valadouro e o resto é raro que se hai obra en cartel non acudan ó escenario da Casa da Cultura dentro da programación da Semana do Teatro ou mesmo en outras citas que coordina a concellería de cultura do concello do Valadouro. Para que este programa se leve adiante cóntase coa axuda Xunta de Galicia.

31 agosto o grupo TEATRO PEDROSO representa “A Inmortal”

Despois de varios anos de duras investigacións, unha parella de prestixiosos científicos consegue por fin a ansiada fórmula da inmortalidade cuxa portadora será unha rata. O CNI intentará sabotear tan cobizado descubrimento. Claro que, hai algo co que non contaban, ese algo chámase FRANCISCA e JUANA.

1 setembro o grupo humorístico TRÍPODE estrea o seu traballo “A presa”

Unha historia baseada en feitos e sentimientos reais:cando a modernidade destrúe a sinxeleza e a fermosura do natural, non é boa. A veciñanza de Fontefría loita contra o proxecto dun encoro descomunalque asolagará a súa aldea e asúa felicidade.

2 setembro o Colectivo Cultural Ollomao representa un dos seus últimos traballos: “Pan con chocolate”

Tres “nenos” e tres “nenas” que se acaban de “retirar” reúnense para celebrar a xubilación da máis nova dos seis e, inevitablemente, recordan as cousas da súa vida, de cando, efectivamente, eran nenos e nenas. Así, pouco a pouco, van saíndo temas que a todas e todos nos resultan familiares.

E así, da súa man, imos recreando aquel mundo dos anos 60-70 do século pasado.

Un mundo no que os nenos e nenas soñan con marchar da aldea para acadar unha vida “mellor” na cidade ou mesmo no estranxeiro (Francia, Alemaña, Suíza)… No que aínda perduran (e canto tempo seguirán perdurando!) vellas ideas fondamente arraigadas. Ideas que farán que haxa xente que marche da aldea non só pola atracción urbana senón tamén pola exclusión social na propia aldea. É o caso dos fillos, e nomeadamente das fillas de solteira.

Un mundo de…

Amigos e amigas que comparten as súas inquedanzas e as súas dúbidas. Un mundo de descubrimentos constantes, de aprendizaxe continuo, non sempre o máis axeitado, pero sempre necesario.

Un mundo, no que as curandeiras e curandeiros, as compoñedoras e compoñedores, substitúen a inexistente atención sanitaria. No que aínda quedan “escapados” polos montes; “tolos e tolas” para os que a guerra aínda non acabou.

Un mundo de…

Nenas e nenos que están descubrindo a sexualidade. Unha sexualidade convenientemente “filtrada” pola omnipresente igrexa. A relixión sempre no centro das súas vidas para “encher de pesadelos os nosos soños e de culpabilidade os nosos corazóns”

De todos os xeitos, os recordos, as lembranzas, por malas que foran, sempre se van suavizando co paso do tempo. Por moi mal que o teñas pasado cando eras nova, cando volves a vista atrás, recordas aqueles anos con tenrura, con agarimo,…, con nostalxia,…eu que sei…

O caso é que cando se xuntan tres ou catro persoas daquela xeración, sempre, sempre, sempre, se veñen á cabeza aquelas merendas de PAN CON CHOCOLATE.

3 setembro o grupo Pico do Castro interpreta o “Trato a cegas”

Unha comedia en dous actos sobre un negocio

4 setembro o grupo de Palas Metátese Teatro escenificará “Na procura dun traballo”

Espectáculo audiovisual que reflexiona en clave de humor sobre diversos temas de actualidade: o mundo laboral, a emigración, os medios de comunicación, …. O protagonista queda en paro aos sesenta anos….

5 setembro o grupo fazourense Adala Futura representará a creación propia ” Rosalía café”

Unha rapaza de aldea decide marchar á capital para buscarse a vida montando un pub. No local terá unha clientela moi diversa e peculiar, e cada día deberá facer fronte a un sinfín de conversas sobre temas moi diferentes. Por se isto fora pouco, tamén recibirá a visita dos seus amigos da aldea. Pero… estes amigos non encaixarán moi ben na capital, polo que as risas están aseguradas!

6 setembro, o grupo local Os Pícaros de Lagoa actuará co seu traballo “Os Tres pés”

Unha comedia en tres actos.

Teatro de todas os estilos e vertentes para disfrutar de balde no Valadouro.

Exit mobile version