Site icon Crónica3.com A Mariña

Esgotadas as prazas para a xeoruta en barco ao Fuciño do Porco, prevista para o 21 de setembro. Para as outras actividades quedan ocos dispoñibles

A Mariña, 27 de agosto de 2024. Esgotadas as prazas para a segunda xeoruta en barco ao Fuciño do Porco, que organiza a Mancomunidade de Concellos da Mariña ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística. Esta viaxe terá lugar o 21 de setembro.

A primeira foi o pasado domingo, 25 de agosto. Os participantes puideron embarcarse nunha lancha a través da ría de Viveiro ata este peculiar lugar, pasando por fermosas praias e cantís. Esta nova xeoruta permitiu coñecer dun xeito diferente a xeoloxía da ría de Viveiro; en especial, puideron observar a gran diferenza de rochas entre ambas marxes, así como a orixe da ría en relación coa falla de Viveiro.

As persoas que puideron gozar desta espectacular xeoruta chegaron procedentes de Madrid, Ribadeo, Foz, Mondoñedo e O Vicedo.

Aínda quedan prazas libres para as outras actividades de xeoturismo que a Mancomunidade oferta para o mes de setembro. Para a Xeoruta Xove, unha ollada baixo a alfombra, que estará guiada polo xeólogo Fran Canosa o vindeiro día 8 quedan once prazas libres.

No caso da Xeoruta á Frouxeira prevista para o 22 de setembro, que conducirá o xeólogo Iván Rodríguez, hai dispoñibles 8 prazas. E para a visita á Cova do Rei Cintolo, en Mondoñedo, do 28 de setembro quedan tan so dúas prazas dispoñibles.

Todas as actividades de xeoturismo son gratuítas e están abertas ao público, pero é preciso anotarse previamente a través deste enlace: https://amarinalucense.gal/es/geoturismo

O Plan de Sostibilidade Turística está cofinanciado pola Mancomunidade, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.

Exit mobile version