Site icon Crónica3.com A Mariña

Elias String Quartet, un dos grandes cuartetos de Europa, abre o ‘XI Festival Bal y Gay’ este xoves en Foz

Foz, 6 de agosto, 2024. Elias String Quartet, un dos grandes cuartetos de Europa con máis de 25 anos de traxectoria, abrirá o ‘XI Festival Bal y Gay’ o 8 de agosto no Pazo do Conde de Fontao de Foz (19:00) con obras de Haydn, Stravinsky e Schubert. Sara Bitlloch, Donald Grant (violíns); Simone van der Giessen (viola); e Marie Bitlloch (violoncelo) sobresaen pola frescura, intensidade e aparente espontaneidade das súas interpretacións, que cativaron nas mellores salas do mundo: Carnegie Hall en Nova York, Musikverein en Viena, Konzerthaus en Berlín ou Concertgebouw en Amsterdam. Será o primeiro dos 12 destacados concertos previstos ata o 23 de agosto no festival, referente en España por ofrecer a mellor música clásica do mundo en fermosos escenarios patrimoniais da comarca da Mariña desde 2014.

“SERÁ UN PLACER, NO HEMOS ESTADO EN GALICIA Y NOS HACE MUCHÍSIMA ILUSIÓN”

“Para nosotros será un placer tocar en el Festival Bal y Gay, que combina la música con monumentos maravillosos de Galicia. No hemos estado todavía en esta tierra y nos hace muchísima ilusión”, asegurou o cuarteto antes de describir o programa que presentará no concerto. “Vamos a empezar con el cuarteto op 54/1 de Haydn, una de sus obras más alegres, y acabar con La Muerte y la Doncella de Schubert, una obra llena de terror y desolación y juventud. Un diálogo con la muerte y el destino. También tocaremos tes piezas de Stravinsky, muy cortas, cada una con un carácter muy especial”, engadiu o grupo, que esgotou as entradas para a súa actuación nun de escenarios máis emblemáticos do festival: o Pazo do Conde de Fontao de Foz.

Elias String Quartet toma o seu nome do oratorio de Mendelssohn e estableceuse como un dos cuartetos máis intensos e vibrantes da súa xeración. Formouse en 1998 no Royal Northern College of Music de Manchester (Inglaterra). Foi elixido ‘New Generation Artists’ pola BBC e recibiu o ‘Premio Borletti-Buitoni 2010’. É un gran expoñente da música contemporánea e estreou obras de Emily Howard, Sally Beamish, Colin Matthews, Matthew Hindson e Timo Andres. En música de cámara colaborou con Leon Fleisher, Robert Plane, Michael Collins, Ralph Kirshbaum, Ann Murray, Joan Rogers e Mark Padmore, así como co Cuarteto Jerusalem, entre outros.

Posteriormente, o segundo concerto desta edición estará protagonizado polo violinista armenio Sergey Khachatryan, admirado no mundo pola interpretación do seu instrumento. Chegará o día 9 ao Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo (20:30) para brindar, xunto á pianista Lusine Khachatryan, un concerto dedicado a Luisa Villalta, figura homenaxeada no Día dás Letras Galegas 2024. Khachatryan renderá tributo á filóloga, poeta, dramaturga, profesora e violinista coruñesa nunha actuación cuxo repertorio conterá pezas de Franck, Bagdasarian, Chausson e Ravel.

O ‘XI Festival Bal y Gay’ presentará recoñecidas figuras internacionais (Elias String Quartet, Sergey Kachatryan, Katharina Konradi) e prestixiosos artistas españois con repercusión mundial (Orquestra Sinfónica de Galicia, Musica Ficta, Nereydas, Cuarteto Cosmos, Ruth Iniesta, Martín García García, Orquestra Sinfónica do Principado de Asturias). Nomes contrastados e mozos de gran talento.

O FESTIVAL, UNHA REFERENCIA EN ESPAÑA POLA SÚA FILOSOFÍA E EVOLUCIÓN DESDE 2014

Uns cursos de clarinete en Nos -parroquia de Foz con menos de 500 habitantes- foron o xerme do ‘Festival Bal y Gay’, actual referente da música clásica en España que converteu á comarca lucense da Mariña en epicentro nacional con concertos de calidade exquisita, equiparables aos de calquera sala internacional, en escenarios únicos para un público que esgota as entradas. A música comparte protagonismo coa historia, o patrimonio, a paisaxe ou a gastronomía da Mariña, destino cultural agora de referencia en Galicia e en España con esta ‘experiencia 360’.

Exit mobile version