Site icon Crónica3.com A Mariña

Descuberta unha placa en honra a Jesús Castaño Galdo, alcalde de Mañón represaliado

Mañón, 18 de agosto, 2024Este domingo 18 de agosto tivo lugar un acto que ven a significar un paso adiante na recuperación da memoria histórica democrática da nosa terra: a descuberta dunha placa en honra a Jesús Castaño Galdo, alcalde de Mañón do 16 de marzo de 1936 ata ser deposto e posteriormente fusilado polas forzas golpistas que viñeron a derrubar a II República española.

Este acto foi promovido por Nordés, asociación polo desenvolvemento das Terras da Faladora, unha vez que presentou unha moción dirixida ao pleno municipal do Concello de Mañón en maio do ano 2023 sendo aprobada por unanimidade.

Deste xeito, e unha vez aprobada a moción, decidiuse incluir o acto como primeiro dos que terán lugar nos próximos días dentro da programación das XIV Xornadas Memoria dun Tempo, contando coa presenza das netas do alcalde represaliado Mª Jesús e Carme Armada, do alcalde do concello de Mañón e representando ao PP, Alfredo Dovale, en representación do PSOE o concelleiro Martín Rego, pola parte de Nordés a súa presidenta Maribel Lorenzo, a participación de Emilio Grandío, Catedrático da USC, e de David Bellas, Profesor do Conservatorio de Viveiro pola parte musical, elenco que non quedou aí pois asisitiron tamén o cronista oficial do Concello de Mañón, Hixinio Puentes, e igualmente representantes de Terras do Ortegal, da Sociedade de Instrución “A Devesana”, da Asociación “Memoria da Mariña”, do Teatro das Cortes de Cabanas (O Vicedo), e do Instituto de Lingua Galega e da Comisión pro-Memorial de Ferrol.

Ao acto acudiron tamén moitos veciños e persoas doutros lugares de Galicia e España que mostraron deste xeito a súa homenaxe a Jesús Castaño Galdo, vítima das xenreiras e da violencia que o golpe do 1936 desatou, e que con actos coma os de hoxe “queremos vir a crebar ese muro de silencio que segue a día de hoxe impedindo pasar páxina”.

“Non dubidamos que o acto deste domingo é un alicerce que vai ter unha continuidade nestes concellos da Faladora. É un compromiso que Nordés toma como propio e polo que seguirá traballando edición a edición, ano a ano”.

Exit mobile version