Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo celebrará as festas na honra da Nosa Señora, San Roque e o Carme desde o 14 ao 17 de agosto, co colofón da Queimada Popular

Como novidade, á tardiña do 15 e o 16 de agosto celebrarase a Festa do Bolo Preñado e a dos torresmos de Porco Celta, respectivamente

Cervo, 7 de agosto de 2024. O Concello de Cervo celebrará as Festas na Honra da Nosa Señora, San Roque e o Carme, do 14 ao 17 de agosto, cando terá lugar a Queimada Popular, festa declarada de Interese Turístico Galego, organizada por Airiños do Xunco.

A cita foi presentada pola rexedora, Dolores García Caramés, pola tenente alcalde, Mali Méndez, e por unha representación da A.C. Rego Cachón que organiza as Festas Patronais e de Airiños do Xunco que se encarga da Queimada e tamén da Festa do Ovo Frito, xunto á asociación Cabaleiros da Bidueira.

Os festexos arrincarán o mércores 14 de agosto con esta popular Festa do Ovo Frito que contará coa actuación da Charanga Europa e da Discomóbil Conxuro.

Xa o xoves 15 de agosto, ás 13:00 horas está prevista a misa solemne cantada polo Coro de Cervo, seguida de procesión con Fol do Raxa. A continuación haberá sesión vermú a cargo da Orquestra Galaxia que repetirá na verbena á noitiña xunto ao dúo Vivarium. Como novidade ese día, haberá tamén gastronomía coa Festa do Bolo Preñado, a partir das 20:30 horas.

O venres, 16 de agosto, a misa solemne será ás 12:30 horas, e tamén estará cantada polo Coro de Cervo, seguida de procesión con Fol do Raxal. A continuación haberá sesión vermú co grupo Superstar, que repetirá na verbena da noite. A partir das 20:30 horas celebrarase a Festa dos Torresmos de Porco Celta.

Xa o sábado 17 de agosto, terá lugar a XLVI Queimada Popular de Cervo, organizada por Airiños do Xunco, coa colaboración do Concello, que contará con Mercado Tradicional xa desde pola mañá, a partir das 10:00 horas. A partir das 13:00 horas será o desfile de autoridades pola Aldea que se encargarán de dar o pregón da Festa, acompañados polo grupo Medio Quiñón, de Burela. A partir das 23:00 horas será o desfile da comitiva que partirá das Escolas Vellas de Cervo ata a Praza do Souto, onde terá lugar a tradicional representación protagonizada polas forzas do ben e do mal. Ao remate servirase Queimada e actuarán Ruxe Ruxe, a Charanga Eravisto e ao Discomóbil Conxuro.

O Concello anima a veciños e visitantes a gozar destas Festas que reúnen cada ano a veciños, amigos e familia nunha contorna única como é o núcleo de Cervo.

Exit mobile version