A Vicepresidencia da Deputación colabora coa Feira do Gando de Cangas de Foz, que se celebra o domingo
Foz, 16 de agosto de 2024. O deputado de Rural, Mar e Mocidade Daniel García participou na presentación da Feira de Gando de Cangas de Foz, que se celebrará o domingo -18 de agosto – na área recreativa dos Castros coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Os Cabaleiros de Cangas -apoiados pola comunidade de montes de Cangas e polos colectivos culturais e veciñais da parroquia – organizan unha nova edición desta feira que retomaron fai unha década, recuperando o espíritu da antiga feira de gando que se celebraba o terceiro domingo do mes de agosto.
A actividade no recinto feiral comezará ás 10.00 horas, co mercado de venda de gando e unha exposición de maquinaria e artesanía. A organización, que entregará premios para as gandeíras con maior número de cabezas de gando e para os mellores exemplares. programou diferentes actividades para dinamizar a feira e manter o interese de gandeiros e
gandeiras, pero tamén amantes dos animais e visitantes que se acheguen ata a área recreativa ao longo do día.
Durante a mañá ofrécense paseos gratuítos en cabalo e pola tarde -a partir das 16.00 horas- celebraranse concurso de andadura chapeada e serrada , contando con categoría sub 16 para amazonas e xinetes de menos idade.
A organización destacou a boa resposta da veciñanza e das persoas visitantes á recuperación da feira de gando. “Temos competidores que levan vindo ás dez edicións, pero tamén moitos outros que se van incorporando co paso dos anos, o que podemos afirmar é que a maioría repiten”, sinalou Eladio Basanta.
O deputado de Rural Daniel García manifestou o “apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo a estas feiras que, ademais de dinamizar a venda de gando, xeneran recoñecemento e visibilidade para os gandeiros e gandeiras que crían os animais durante o ano, facendo un traballo fundamental para o coidado dos montes e a conservación das paisaxes tradicionais” e valorou “ a iniciativa do tecido asociativo da parroquia que coa recuperación desta feira reivindican a súa identidade e a súa historia.
O recinto feiral contará con postos de comida – polbo, xamón, churrasco – e animación musical.