Site icon Crónica3.com A Mariña

Cadernos da viaxe. “Rueda rexeita a bilateralidade co Estado”, por Xoán Antón Pérez Lema

Galicia é unha nación de seu, un país ben individualizado, unha nacionalidade recoñecida no seu Estatuto. A súa identidade ven de moi lonxe: fomos o primeiro “regnum” da Europa (século V). Mesmo nos tempos modernos (1936) aprobamos por unha amplísima maioria un Estatuto e contamos dende 1944 cunha institución fideicomisaria (o Consello da Galiza presidido por Castelao até a súa morte no 1950) desa vontade de liberdade e autogoberno . O noso dereito a ser, a nos autogobernar, a vivir e a prosperar é, pois, anterior á Constitución. Ademáis, a dependencia de Castela-Madrid freou o noso desenvolvemento económico. Hai 200 anos eramos o país máis poboado do Estado. Hoxendía só representamos o 5,4% do PIB e o 5,2% da poboación estatal. Para máis, os nosos alicerces económicos (construción naval, complexo mar-industria, sector leiteiro, forestal-industria, actividades turísticas orientadas ao cualitativo/cultural/natural) son para o Estado substancialmente prescindíbeis.

Calquera presidente dun país nesta situación xa non patriota, senón cun mínimo sentido de responsabilidade cívica, decataríase de que a nosa única arma é a singularidade, a particularidade, a bilateralidade. Certo é que Rueda foi elixido no seo do partido da dereita española, mais dentro do seu partido existen importates sensibilidades a prol desta bilateralidade.

Rueda apartou esta primavera do Goberno galego ás persoas máis vencelladas ao actual líder estatal do PP, Núñez Feijóo, mais ten amosado até de agora que non é quen a se autonomizar da súa titoría. No canto de conectar coas necesidades galegas, no ámbito do autogoberno e do seu financiamento e dun seu desenvolvemento económico autocentrado decidiu limitar a súa actuación a repenicar esa coral de presidentes autonómicos populares aos que Núñez Feijóo prohíbe tratar de ti a ti co Estado (mandato que semella comprnesíbel paraa Rioxa ou Murcia, máis nunca para Galicia). “Nada de conversas bilaterais sobre financiamento…”, afirmou o presidente galego na rolda de prensa posterior ao Consello do luns 9-S.

Rueda non pode descoñecer que son as comunidades de Asturies, Cantabria, Extremadura e Castela-León as máis beneficiadas coa aplicación actual da lei de financiamento que rexe para os 15 territorios de réxime común dende o comezo de 2010. Non pode descoñecer que xa os vicepresidentes Mella e Barreiro e o presidente Albor defenderon nun goberno AP-independentes un financiamento singular (concerto) para Galicia a medio dunha reforma estatutária hai 40 anos, cunha recadación fiscal na Galicia entón ben máis cativa ca de hoxe. Non pode ficar cego ao infrafinanciamento dos nosos servizos públicos, á singularidade do avellentamento e o espallamento da nosa poboación. Non pode pechar os ouvidos á trampa que os conceptos xurídico-financieros “capacidade fiscal” e “poboación axustada” supón para os nosos benestar e autogoberno.

Quizais tamén sexa este o intre aquelado para que as organizacións empresariais, profesionais e sindicais, xuristas, economistas, politólogos, as nosas Universidades e os medios de comunicación abran un amplo debate sobre esta grave cuestión do financiamento e procuren xerar ideas claras cara un consenso a respecto do que de verdade nos convén como País, sen ollar nin aos intereses de Núñez Feijóo e do PP estatal nin a lugares comúns sobre Galicia como país subsidiado que só pode sobrevivir da solidariedade estatal que non son compatíbeis coa realidade da nosa potencialidade económica e da nosa recadación fiscal nesta altura do século XXI.

Desprezar a bilateralidade é dispararmos un tiro no pe. É sacrificar os intereses do noso País a prol dos intereses do PP estatal. Que non, certamente, do PP galego.

Exit mobile version