Este ano 2024 será ano de bater records de recepción de turistas (máis de 600 millóns) na Europa, segundo euronews. Mais para os destinos máis elixidos, como Mallorca, Eivissa, Venecia, Barcelona, a illa grega de Santorini, Tenerife ou Lanzarote o turismo xa achega para a persoas residentes grande cantidade de inconvenientes, ao tender substituír os aloxamentos e os servizos para residentes em aloxamentos turísticos (e segundas residencias) e servizos pensados para as persoas visitantes. Común en todos estes lugares é a denuncia da falla de dispoñibilidade de vivenda a un prezo razoábel.
Ademais, estudos recentes reflicten que o 80% do gasto turístico desenvolvido a medio da merca de paquetes completos de “todo incluído” non chega ao destino local. Velaí a conveniencia de orientar um turismo responsábel que contrate directamente no seu destino o aloxamento e que priorice os mercados e establecementos de restauración locais a respecto das cadeas internacionais.
No noso país xa existen nidias pegadas de saturación turística, determinadas épocas do ano, en Compostela (case un millón de turistas no 2023), Sanxenxo e O Grove, asi como nalgúns destinos de Ribadeo e Fisterra. Por outra banda, o custo ambiental do turismo de cruceiros da Coruña e Vigo é moi importante. Velaí que o concello compostelán propuxese á Xunta a implantación dunha taxa turística que grave as pernoctacións como as xa existentes em Barcelona, Mallorca ou Corfú, que permita aos concellos destinar eses recursos extraordinarios ao custo ambiental que sofren estas vilas e cidades. Mais Rueda e o PPdeG teiman nun modelo de promoción turística caduco, de fomento do número sob a calidade, negacionista canto as súas deficiencias. Xa que logo, na práctica ten vetado a proposta para non emitir-disque- unha mensaxe aos mercados de “limitación”. Sen o marco dunha lei galega os concellos non poderán implantar esta taxa.
O fenómeno fodechincho está conectado en certo sentido coa saturación turística, mais presenta uns caracteres de seu que o independizan. O profesor Antón Losada (USC) nun vídeo recente que se fixo viral nas rr.ss., resumiu ben tres destes caracteres: un sentimento de superioridade que lles fai desprezar os riscos para o mergullo ou o aparcamento de vehículos derivados das marés ou das características das praias, unha falla de empatía co patrimonio natural local (vgr as dunas ou os recursos marisqueiros, limitados na súa explotación aos profesionais autorizados pola Xunta, mais que non poucos desta caste tentan apañalos) e a mesma falla de empatía (derivada moitas veces dunha actitude abertamente supremacista) a respecto da lingua, toponimia e patrimonio cultural galego. Tamén, ultimamente, pola actitude destes residentes a respecto dos prezos (“que tienes gratis de pincho”, “¿no invitas al chupito”) e dos horarios da hostalería galega, semellando ás veces non dar entendido cousa tan sinxela como que a cociña peche ás 15.15 e o comedor ás 16.00.
O agravamento deste fenómeno ten a ver i) co incremento do turismo despois da pandemia, ii) coa actitude de milleiros de cidadáns da Meseta, nomeadamente da rexión madrileña, que viñeron ás carreiras ás súas segundas residencias para se pechar na pandemia, pondo en evidente risco ás nosas poboacións locais por mor da moi distinta situación epidemiolóxica, na altura (marzo de 2020), de Madrid e Galicia e iii) co divorcio absoluto, fomentado polas forzas políticas e sociais e media estatais, de millóns de cidadáns españois a respecto das linguas do Estado distintas do castelán, instrumentos de comunicación para os que as usamos e para eles algo que só serve para amolalos.
Chegaría para solucionar este problema de convivencia que os fodechinchos, que malia numerosos seguen as ser minoritarios entre o turismo que ven de determinados territorios, olle para a conduta da maioría dos seus propios paisanos e actúe en termos de prudencia co territorio, respecto polas persoas residentes e empatía coa nosa língua e patrimonio cultural e natural, Neste senso, a solución (o turismo responsábel) vale para os fodechinchos e tamén para aliviarmos a saturación turística.