As novas obras de mellora na rede de Pomeda, cun importe de 40.000€, súmanse a unha serie de actuacións neste sentido en todo o municipio
“Trátase dunha obra moi necesaria polos problemas de falla de presión previamente existentes, e permitirá que o funcionamento desta rede sexa óptimo”, explica o concelleiro de Obras, Ramiro Fernández Rey.
“Temos feito obras por un valor total de máis de 200.000€, que aínda que non sexan moi visibles, son de grande importancia para o futuro da vila”, destaca o edil.
Previamente tamén se realizaron nos ultimos meses “actuacións no abastecemento e o saneamento na rúa do Río Sil, por un importe de 42.000€, ou no saneamento na rúa Camiño Real cun custo de 34.000€”, enumera.
“Tamén actuamos no saneamento da zona de Vilastrofe por 26.000€, no Camiño do Cancelo por 28.000€, e nos depósitos da auga de Luis Seone con melloras por valor de 42.000€”, engade.
“Melloramos así mesmo o telecontrol na estación depuradora por un importe de 42.000€, un investimento que se poderá aproveitar cando, en breves, se faga a nova depuradora”, apunta Fernández Rey.
O concelleiro afirma que “a mellora da rede de saneamento e da rede de abastecemento de Burela é un tema moi importante para o Goberno local, non só para ofrecer o mellor servizo posible á veciñanza, senón tamén para evitar ao máximo as fugas de auga”.
“Aínda que somos un Concello que se atopa entre os máis punteiros en canto a eficiencia da rede, atopándonos arredor do 90% de eficiencia, seguimos investindo neste sentido para que o funcionamento destes servizos sexa o mellor posible”, subliña.
“Quedan máis obras que facer, pero estes 200.000€ demostran o compromiso deste equipo de Goberno nun tema tan importante e tan valorado pola veciñanza, de cara a evitar os problemas de auga que se deron nos concellos da nosa contorna”, conclúe o edil.