A DXT informaba que 76 condutores foron detectados entre 2017 e 2021 desprazándose en sentido contrario neste tramo, aos que habería que engadir os sancionados por circular polo tramo pechado ao tráfico
A Xustiza conclúe nunha sentenza do Xulgado do Penal nº1 de Lugo que esta sinalización do sistema de desvío automático en condicións desfavorables de néboa “é confusa e leva aos automobilistas para cometer erros frecuentes” e por esa razón anulou algunha das sancións efectuadas.
Segundo os datos da propia DXT ata 76 condutores foron detectados entre 2017 e 2021 desprazándose en sentido contrario neste tramo, aos que habería que engadir os sancionados por circular polo tramo pechado ao tráfico desde a implantación dese desvío automático -en decembro de 2016– ata os nosos días.
Balseiro quere saber que medidas pensa adoptar o Goberno de España despois de coñecerse esta resolución xudicial, se prevé mellorar unha sinalización que a Xustiza cualifica de “confusa” e de “xerar erros” nos condutores e quere saber o número total de sancións efectuadas ata a data.
O senador popular lembra que o polémico paso polo alto do Fiouco tamén está sometido a un radar de tramo, en ambas direccións, na actualidade limitado a 100 quilómetros por hora, cando non hai unha restrición maior por razóns de néboa ou vento. Trátase dun dos radares que máis multa da rede viaria estatal da provincia e quere saber se o cuestionamento xudicial tamén afecta a este tipo de sancións relacionadas coa velocidade.