Site icon Crónica3.com A Mariña

Balance moi satisfactorio da primeira quincena de funcionamento do bus á praia de Area

Viveiro, 5 de agosto de 2024. A Concellería de Mobilidade do Concello de Viveiro fai un balance moi satisfactorio dos primeiros días de funcionamento da liña de bus á praia de Area.

“350 viaxeiros e viaxeiras en medio mes e con días de mal tempo”, explica Míriam Bermúdez, tenenta de alcaldesa e responsable da área de Mobilidade, que anima á veciñanza “a utilizar este autobus, moito máis cómodo e que evita buscar onde aparcar”.

A ruta estará operativa de luns a domingo ata o próximo 31 de agosto, con saídas desde a estación de autobuses ás 11.00, ás 14.30, ás 16.30 e ás 18.00 horas, con paradas na piscina municipal, a Escola de Idiomas, Catro Camiños e O Chao. Os regresos desde a praia de Area serán ás 12.50, 18.20 e 20.20 horas.

“Continuamos ademais traballando para facer realidade canto antes a ruta de bus circular”, engade Míriam Bermúdez.

Este bus circular conectará cunha frecuencia de 30 minutos os tres principais núcleos poboacionais do municipio, Covas, Viveiro e Celeiro.

Tamén hai prevista unha ruta dende o lugar da Igrexa en Valcarría, pasando por San Pedro, Landrove, Magazos, Xunqueira, Viveiro centro e Viveiro estación de autobuses.

Exit mobile version