Este evento deportivo terá lugar o 17 de agosto. A categoría de cativos desenvolverase ás 20 horas no parque de San Francisco, os infantís e cadetes sairán ás 21:30 horas desde o faro, e a carreira absoluta partirá ás 21:45 horas desde Rinlo.
O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, anima a participar: “aínda hai tempo para inscribirse e correr a VI Carreira Nocturna Rinlo-Ribadeo. Agardamos que máis adultos e máis cativos se inscriban e participen nesta proba o vindeiro 17 de agosto”.
O edil ribadense subliña que “esta carreira é de grande importancia tanto a nivel deportivo como turístico, xa que discorre grande parte polo litoral ribadense. Os participantes poderán gozar dunhas vistas envexables”.
A VI Carreira Nocturna está organizada polo Club Atletismo Ribadeo, coorganiza a Secretaría Xeral para o Deporte e colaboran o Concello de Ribadeo e a Deputación de Lugo.