Site icon Crónica3.com A Mariña

As pistas de atletismo da Veiga serán o escenario do I Desafío Concello de Cervo o 14 de agosto

Na cita deportiva daranse cita tres atletas olímpicos, Adrián Ben, Óscar Husillos e Iñaki Cañal

Cervo, 8 de agosto de 2024. As pistas de atletismo da Veiga serán o escenario do I Desafío Concello de Cervo o próximo mércores, 14 de agosto.

A cita foi presentada pola alcaldesa, Dolores García Caramés, polo Xefe Provincial de Deportes da Xunta, Manuel Cadramón, e polo Delegado responsable da Federación Galega de Atletismo, Pablo Gandoy nas propias instalacións que acollerán unha proba na que se darán cita tres atletas olímpicos, que chegan directos de París: Adrián Ben, Óscar Husillos e Iñaki Cañal.

As inscricións son de balde e realizaranse a través da web https://sdp.rfea.es/ ata este venres 9 de agosto ás 22:00 horas. Pode participar calquera atleta federado; e nas probas de elite só poderán participar aqueles con licenza nacional en vigor.

A alcaldesa amosou a súa ledicia por poder ser Cervo o escenario desta competición que reunirá a estes cracks do atletismo nunha proba na que as expectativas son elevadas, dado que se marcan o obxectivo de incluso chegar a bater marcas de récord de España.

A alcaldesa quixo tamén agradecer o interese da federación por seguir a darlle pulo ás pistas que temos en Cervo, atraendo competicións deste nivel, e tamén aos atletas Ben, Husillos e Cañal, que practicamente chegan directos de París para compartir o seu talento con todo o público e atletas que se dean cita neste Desafío único.

Exit mobile version