A XLVI edición da Mostra de Teatro Galego de Cariño remata este sábado con dúas novas actuacións
Cariño, 8 de agosto, 2024. Na noite deste mércores, 7 de agosto, o auditorio da Casa da Cultura de Cariño despediu cun sonoro aplauso ao Grupo Chévere pola súa actuación de ‘As fillas bravas e o mito de Casandra’.
A obra, que comezaba ás 22:00 horas, conseguiu esgotar todas as entradas á venda, enchendo o espazo. O público rematou o espectáculo cunha explosión de xúbilo e un aplauso que durou varios minutos.
A compañía xa colleitara un gran éxito na edición anterior, gañando o premio do público adulto pola interpretación do espectáculo N.E.V.E.R.M.O.R.E.
A XLVI edición da Mostra de Teatro Galego de Cariño remata este sábado con dúas actuacións. Ás 12 horas, na Praza da Pulida, ofrecerase o espectáculo para todos os públicos, con entrada de balde, por parte da compañía Sempre Arriba ‘Hoxe si’.
E por último, para rematar a programación, a Praza da Pulida acollerá o espectáculo de música, ‘Catuxa Salom’, do grupo Urdime, para todos os públicos, a partir das 21 horas.