O portavoz do Grupo Provincial Popular condena que “o presidente da Deputación siga instalado en non permitir o desenvolvemento do labor da oposición: PSOE e BNG parecen añorar outras épocas ou reximes doutras latitudes cos que teñen lazos”
Lugo, 12 de agosto de 2024. “José Tomé persiste en ir contra a Valedora e a Constitución Española”, segundo subliña o portavoz do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, ante unha nova comunicación na que a Valedora do Pobo esixe “aclaracións sobre a actitude do goberno provincial” en relación á queixa presentada pola denegación do acceso dos deputados populares a instalacións da Deputación de Lugo.
“Este é un novo varapau ao goberno de PSOE e BNG por parte da Valedora do Pobo que lles recorda que deben cumprir o artigo 23 da Constitución Española sobre os dereitos da oposición”, subliña Ameijide. “Seguir boicoteando á oposición demostra que PSOE e BNG están ancorados en réximes do século pasado ou gobernos coma os doutras latitudes cos que teñen lazos”, engade.
O popular afea que “en lugar de aceptar a recomendación da Valedora do Pobo do 15 de marzo deste ano na que concluía que o goberno provincial vulnera dereitos fundamentais recollidos na Constitución Española e comunicar as medidas adoptadas ao respecto, o goberno provincial insista en xustificar a política absolutista de José Tomé”.
Ameijide condena que “Tomé se quede no século pasado, nalgunha das etapas previas á Constitución Española” e pregúntase “que ten que agochar nas dependencias de titularidade provincial para ter tanto empeño en prohibir a entrada aos deputados do Partido Popular”. Nese sentido, pregúntase se “a estratexia de ocultismo do goberno de PSOE e BNG que preside Tomé se debe ás cacicadas e intentos de corruptelas que está a destapar o Grupo Provincial Popular”.
A Valedora do Pobo insiste en aclarar que “é suficiente con presentar unha comunicación previa” e que “non é precisa autorización do presidente” para que os deputados provinciais poidan acceder a dependencias da Deputación de Lugo non abertas ao público”. Naquelas de atención directa á cidadanía, debe garantir a libre entrada do público e, polo tanto, tamén dos deputados provinciais. “Non é de recibo que para falar cun funcionario, PSOE e BNG queiran que presentemos unha instancia ao presidente”.
O portavoz do PP na Deputación de Lugo lembra que “no último ano prohibíusenos, por orde directa do presidente, entrar nas instalacións do Fogar de Santa María, nos parques comarcais de bombeiros e no seu día á nave de Begonte”. Neste caso, “finalmente, puidemos acceder presentando previamente unha solicitude dirixida ao presidente” pero a Valedora volve incidir en que “o artigo 23 da CE non pode ser interpretado de forma restritiva”.
NEGATIVA A ENTRAR NA RESIDENCIA DE BECERREÁ
“A pesar de que, como resolve a Valedora do Pobo, non é necesario pedir permiso ao presidente”, os deputados do Grupo Provincial Popular rexistraron o pasado 19 de xullo unha solicitude para entrar nas instalacións da residencia de maiores de Becerreá para coñecer de primeira man o estado do seu interior tras detectar danos no exterior e a necesidade de acometer reparacións.
O escrito dos populares propoñía que o presidente determinara data durante o mes de xullo, hora, o persoal provincial acompañante e as medidas de seguridade que fora necesario adoptar; “pero seguimos agardando unha resposta”. É dicir, “Tomé continúa impedindo o noso labor de oposición”.
Ao respecto da residencia de maiores de Becerreá, Ameijide insiste en que “queremos saber en que estado se encontra e comprobar se o goberno provincial acometeu algún avance tal e como se comprometeu en maio”.
Os deputados populares acompañaron este sábado 10 de agosto aos veciños e veciñas de Becerreá e a comarca nunha mobilización para esixirlle a PSOE e BNG a apertura deste centro que leva preto de tres anos rematado e xa se está a deteriorar por falta de uso e mantemento.