O Concello de Alfoz abre a convocatoria de aluguer social para a vivenda amoblada da Pinguela, antiga vivenda do mestre da escola
As obras de rehabilitación da vivenda A Pinguela finalizaron en outubro de 2021, cunha achega financeira do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS). Posteriormente, en xullo de 2023, o Concello asinou un convenio coa Deputación Provincial de Lugo, que permitiu financiar o amoblamento e a instalación de electrodomésticos necesarios para facer da vivenda un fogar completamente equipado e funcional.
Este programa de aluguer social está dirixido a unidades de convivencia cuxos ingresos sexan inferiores a 2,5 veces o IPREM (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples), co fin de ofrecer un alivio ás familias que afrontan dificultades económicas e precisan dun lugar digno onde vivir.
As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes no Concello de Alfoz ata o 13 de setembro, onde se lles proporcionará toda a información necesaria sobre os requisitos e o proceso de selección.
Con esta iniciativa, o Concello de Alfoz reitera o seu compromiso coa promoción do benestar social e a mellora da calidade de vida dos seus veciños e veciñas máis vulnerables.