Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfonso VIllares destaca en Produart aos GALP como instrumentos necesarios para a mellora da competitividade do sector pesqueiro, a creación de emprego e atracción da mocidade

Co de Mariña-Ortegal, en Galicia existen 8 GALPs, que representan a máis de 13.000 traballadores do sector pesqueiro, e que mobilizarán no período 2023-2025 18,4 millóns do FEMPA para o desenvolvemento dos seus proxectos

Burela, 3 de agosto de 2024. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destaca os Grupos de Acción Local (GALP) como instrumentos necesarios para a mellora da competitividade do sector pesqueiro, a creación de emprego e a atracción da mocidade. Así o indicou na inauguración do primeiro dos seis parladoiros organizados para este ano polo GALP Mariña-Ortegal, e que se desenvolve no marco da XXII Feira Produart.

Trátase, en definitiva, segundo apuntou o máximo responsable de Mar, de reforzar a cadea de valor e multiplicar as oportunidades que derivan da importancia e do arraigo destas actividades para as súas comunidades. Neste senso, o labor destes Grupos vai máis alá de proporcionar axuda financieira a proxectos individuais, xa que as súas iniciativas teñen como finalidade crear novos vínculos entre os axentes locais, ofrecendo orientación estratéxica con respecto ao desenvolvemento dos territorios que abarcan. Son os verdadeiros artífices do achegamento aos beneficiarios potenciais que teñen dificultades para recibir axudas das fontes de financiamento habituais, permitindo que as estratexias de desenvolvemento local concentren os fondos nas zonas pesqueiras que máis o necesitan, garantindo que esas actuacións se reforcen entre si; se mobilice o coñecemento e a enerxía dos axentes locais, explorando novos mercados, novos produtos e novas formas de traballo; ou creando redes de cooperación nas zonas pesqueiras.

Estes parladoiros xorden co fin de poñer en valor os distintivos e as marcas comerciais como elementos de reforzo da comercialización e do consumo do produto pesqueiro san, saudable, de calidade e, sobre todo, sostible e responsable.

Máis de 2.800 socios e 13 concellos

Integran a este GALP un total de 47 entidades, que agrupan a un total de 2.865 socios, dos que 1.408 forman parte do sector pesqueiro; é dicir, o 69,6% son xente traballadora do mar. Engloba a 13 concellos: Valdoviño, Cedeira, Cariño, Ortigueira, Mañón, O Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros e Ribadeo. Dende 2016 desenvolveu 103 proxectos, cun investimento de de 5,5 millóns de euros.

Co de Mariña-Ortegal, existen en Galicia 8 GALPs, que representan a máis de 13.000 traballadores do sector pesqueiro, sendo Galicia a primeira comunidade autónoma que os ten seleccionados, así como as estratexias aprobadas e lanzadas as achegas para a presentación de proxectos ao abeiro do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027. O 26 de setembro de 2023, publicouse a última orde coa convocatoria destas axudas para apoiar iniciativas a desenvolver entre 2023 e 2025. En total, 18,4 millóns que se distribúen do seguinte xeito: 8 millóns en 20203; 5,6 millóns en 2024; e 4,8 millóns en 2025.

Exit mobile version