Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfonso Villares anuncia que Galicia presentou observacións á comunicación da comisión sobre pesca sostible remitida ao Parlamento Europeo en xuño

O titular de Mar sinala que a relación que fai o executivo comunitario entre a mellora do estado dos caladoiros e da frota coas medidas impulsadas desde Bruxelas “non responde á realidade” e débense aos constantes axustes na actividade pesqueira

Muros (A Coruña), 30 de agosto de 2024. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, realizou unha visita á confraría de Muros onde reivindicou á pesca galega como modelo e referente en sustentabilidade e de boas prácticas apoiándose na Comunicación da Comisión Europea sobre Pesca Sostible remitida en xuño ao Parlamento Europeo e ao Consello. Alí anunciou que Galicia presentou observacións ao documento cuxo prazo remataba o día 31 de agosto, co obxectivo de defender os intereses pesqueiros da comunidade ante Europa.

O titular de Mar explicou que nesas observacións preténdese facer ver ao executivo comunitario a causa e efecto entre as medidas adoptadas pola UE e a mellora do estado dos caladoiros que fai non responde á realidade e que este é froito dos constantes axustes á actividade pesqueira e a baixada do custe dos combustibles. Tamén trasladan a preocupación ante a posibilidade de que o paquete de medidas sobre a pesca e os océanos pase a ser obrigatorio e non voluntario como ata agora. Ademais, reclama que a Comisión vaia máis alá da avaliación da Política Pesqueira Común (PPC) e aborde a súa reforma.

O responsable autonómico destacou que os caladoiros comunitarios que presentan mellor comportamento en termos de sostibilidade son aqueles onde opera a frota da galega como son o caso do Golfo de Biscaia e costa ibérica. O mesmo ocorre con especies amplamente distribuídas como a cabala, o xurelo, o lirio e o arenque que, de forma xeral, están un 42% por debaixo do limite da sobrepesca. Zonas e especies obxectivo fundamentais para as nosas frotas de litoral e baixura.

O conselleiro do Mar tamén puxo en valor a fixación en nivel de Rendemento Máximo Sostible dos 85 TAC das especies compartidas co Reino Unido, un área fundamental de pesca para a frota do Gran Sol ao igual que nas augas e especies compartidas entre europeos, británicos e noruegueses, onde Galicia tamén ten frota implica. Nesta liña subliñou o feito que o propio executivo comunitario recoñeza o mal comportamento en termos de sustentabilidade doutras zonas como o Mediterráneo ou o Báltico, caladoiros onde non operan os barcos galegos. Neste último caso, sinalou que “curiosamente”, como nesta zona non funcionan as medidas de recuperación, recorren a factores de antropización.

Con todo, Alfonso Villares destacou a importancia de que Europa recoñeza a influencia doutros factores externos no estados dos recursos pesqueiros polo que manifestou que desde Galicia se insta a Bruxelas a afondar no seu análise para que non sexa unicamente a actividade pesqueira a que asuma as medidas de mellora dos caladoiros.

Exit mobile version