A Coruña, 22 de agosto de 2024. Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra volve pórse en marcha. A campaña coa que a Real Academia Galega pon o foco de atención na nosa toponimia menor (nomes de terras, fontes, regueiros, penedos…) e na súa salvagarda a través da plataforma Galicia Nomeada retorna a próxima semana para seguir o seu periplo polo noso país tras o descanso estival. A cita será o venres 30 de agosto na Casa do Concello de Abadín a partir das 20:00 horas, e están convocadas todas as persoas amantes dos nosos nomes de lugar que queiran achegar o seu gran de area na conservación dun dos maiores tesouros colectivos do pobo galego.
O encargado de impartir o relatorio será Vicente Feijoo, coordinador técnico do Seminario de Onomástica da RAG, que centrará a súa intervención en explicar o funcionamento da aplicación Galicia Nomeada e as súas principais características: como solicitar unha conta de usuario; como introducir un topónimo; como anexar imaxes, arquivos de son ou documentos; como enviar suxestións sobre topónimos xa existentes no visor… Farao coa intención de sumar novos colaboradores e colaboradoras aos traballos de recolla toponímica que xa iniciaron algúns abadinenses que se deron de alta na plataforma colaborativa Galicia Nomeada, e que xa levan introducido arredor duns 250 topónimos. Pero Abadín posúe un extenso territorio, 196 km², distribuídos en 19 parroquias que contan con máis de 300 aldeas. Por tanto, aínda restan centos de microtopónimos por recoller e todos eles corren un alto risco de desapareceren.
Ademais de cuestións técnicas, tamén falaremos polo miúdo da orixe e significado dos nomes das parroquias do concello e dalgunhas das aldeas polas que a xente queira preguntar. Moitas delas con nomes tan singulares e de orixe incerta como A Maramiga, Billetes, Choi, Roma, Vacaferreira… únicos en todo o Nomenclátor de entidades de poboación de Galicia. A Choqueira é outro topónimo tamén único no país. A súa orixe talvez teña que ver co significado que no galego común ten o adxectivo homónimo ‘[Terreo] en que nace auga e que se move ao pisalo’, aínda que para Nicandro Ares tamén puido ser un ‘viveiro de plantas’. Esta parte do relatorio conta coas achegas etimolóxicas do académico da RAG e un dos maiores expertos en toponimia do país, Gonzalo Navaza.
Oito novas citas coa nosa recuperación toponímica ata final de ano
Abadín será a primeira das oito citas que ata a final de ano espallarán por todo o país a importancia de recuperar a nosa toponimia menor. Ademais do concello chairego, a campaña da RAG visitará Antas de Ulla (venres 6 de setembro ás 19:30 h na Antiga Casa Cuartel); Salceda de Caselas (venres 13 de setembro ás 20:00 h na Casa da Cultura Castelao); Láncara (venres, 20 de setembro ás 12:00 h no CPI Ramón Piñeiro); Barro (venres 27 de setembro ás 20:00 h no salón de plenos da Casa do Concello); A Arnoia (mércores 16 de outubro ás 12:00 h no salón da Cooperativa do Pemento); A Illa de Arousa (venres 18 de outubro ás 11:00 h no salón de plenos da Casa do Concello); e finalmente Boiro (venres 8 de novembro ás 20:00 h no Centro Social de Boiro).