O Deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto Caserío, participou este sábado nesta cita declarada como Festa de Interese Turístico Nacional, que conta cunha achega da institución provincial de 9.000€
Cajoto Caserío trasladou os seus parabéns aos organizadores desta cita “o Concello de Burela, a Sociedade Cultural Recreativa Ledicia e a todas as persoas que facedes posible que un ano máis poidamos celebrar un evento tan relevante coma este, non só para este municipio senón tamén para todo o conxunto da provincia”.
O Deputado aproveitou a súa intervención para poñer en valor este produto “que é un verdadeiro referente na nosa cultura mariñeira e tamén un símbolo gastronómico que destaca pola súa excepcional calidade”, destacou. Ademais, Francisco Cajoto fixo referencia a esta Feira como “completamente asentada no noso calendario, que cada ano supera o número de veciños e turistas que se achegan ata Burela para desfrutar desta Festa de Interese Turístico Nacional”.
“Esta cita é máis que unha celebración gastronómica, é tamén un importante revulsivo turístico para toda a zona. E por iso desde a Deputación de Lugo colaboramos con este evento, que encaixa á perfección co modelo de turismo que defendemos na institución provincial. Un turismo de calidade, sostible e non masificado no que os visitantes gozan dunha experiencia única e auténtica” valorou o Deputado.
Esta xornada, á que tamén asistiu a presidenta da Sociedade Cultural Recreativa Ledicia, Rocío Rivera Seara, e o Conselleiro do Mar da Xunta de Galicia, Alfonso Villares Bermúdez, deu comezo ás 13:00 horas co izado da bandeira azul no barco-museo. A continuación, tivo lugar a entrega de premios do concurso de carteis e o pregón a cargo Julio López Moreno. Durante toda a fin de semana os visitantes poderán degustar racións de bonito en diferentes elaboracións como asado á grella, en empanada ou cocido, entre outras.
Produart
Paralelamente a esta cita, tamén se está a celebrar na Nave de Redes de Burela a XXII Feira dos Produtos do Mar, Artesanais e Ecolóxicos, Produart, que conta cunha colaboración por parte da institución provincial de 3.700€ e un stand no que a Deputación promociona o patrimonio lucense. Esta Feira, que se celebra ata o domingo, inclúe obradoiros infantís, demostracións, degustacións de produtos do mar e máis de 50 expositores relacionados con produtos pesqueiros e artesáns.