O Deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto Caserío, participou este sábado nesta cita declarada como Festa de Interese Turístico Nacional, que conta cunha achega da institución provincial de 9.000€
Lugo, 3 de agosto de 2024. O Deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto Caserío, participou este sábado xunto á Alcaldesa de Burela, Carmela López Moreno, na XXXVIII edición da Feira do Bonito de Burela, unha cita declarada como Festa de Interese Turístico Nacional que se está a celebrar ao longo desta fin de semana. A institución provincial colabora coa organización deste evento realizando unha achega económica de case 9.000 euros, unha aportación na que se incluíu unha showcooking, que contou coa participación de reputados chefs da Asociación Provincial de Cociñeiros de Lugo, e unha actuación musical.
Cajoto Caserío trasladou os seus parabéns aos organizadores desta cita “o Concello de Burela, a Sociedade Cultural Recreativa Ledicia e a todas as persoas que facedes posible que un ano máis poidamos celebrar un evento tan relevante coma este, non só para este municipio senón tamén para todo o conxunto da provincia”.
O Deputado aproveitou a súa intervención para poñer en valor este produto “que é un verdadeiro referente na nosa cultura mariñeira e tamén un símbolo gastronómico que destaca pola súa excepcional calidade”, destacou. Ademais, Francisco Cajoto fixo referencia a esta Feira como “completamente asentada no noso calendario, que cada ano supera o número de veciños e turistas que se achegan ata Burela para desfrutar desta Festa de Interese Turístico Nacional”.
“Esta cita é máis que unha celebración gastronómica, é tamén un importante revulsivo turístico para toda a zona. E por iso desde a Deputación de Lugo colaboramos con este evento, que encaixa á perfección co modelo de turismo que defendemos na institución provincial. Un turismo de calidade, sostible e non masificado no que os visitantes gozan dunha experiencia única e auténtica” valorou o Deputado.
Esta xornada, á que tamén asistiu a presidenta da Sociedade Cultural Recreativa Ledicia, Rocío Rivera Seara, e o Conselleiro do Mar da Xunta de Galicia, Alfonso Villares Bermúdez, deu comezo ás 13:00 horas co izado da bandeira azul no barco-museo. A continuación, tivo lugar a entrega de premios do concurso de carteis e o pregón a cargo Julio López Moreno. Durante toda a fin de semana os visitantes poderán degustar racións de bonito en diferentes elaboracións como asado á grella, en empanada ou cocido, entre outras.
Produart
Paralelamente a esta cita, tamén se está a celebrar na Nave de Redes de Burela a XXII Feira dos Produtos do Mar, Artesanais e Ecolóxicos, Produart, que conta cunha colaboración por parte da institución provincial de 3.700€ e un stand no que a Deputación promociona o patrimonio lucense. Esta Feira, que se celebra ata o domingo, inclúe obradoiros infantís, demostracións, degustacións de produtos do mar e máis de 50 expositores relacionados con produtos pesqueiros e artesáns.