José González destacou o compromiso da Xunta coas diferentes asociacións e centros galegos de España e do mundo, buscando maneiras innovadoras de manter e fortalecer os lazos culturais e sociais cos galegos do exterior
Ribadeo, 7 de agosto de 2024. O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou hoxe no acto de entrega dos premios Alecrín de Ouro, uns galardóns que organiza a Federación de entidades culturais galegas de Cataluña (Fegalcat) co obxectivo de recoñecer o traballo a prol da cultura galega por parte de persoas, empresas e entidades de diferentes ámbitos.
No evento -celebrado no auditorio Hernán Naval e que contou tamén coa presenza do alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, e do presidente de Fegalcat, Domingo Balboa- o titular de Emprego felicitou aos 13 premiados e celebrou a diversidade e o dinamisamo do talento cultural, artístico, social e empresarial galego, destacando o esforzo e a excelencia que cada un dos galardoados desenvolve nos seus respectivos campos.
José González manifestou tamén o recoñecemento ao traballo de Fegalcat, unha entidade fundada en 1987 para promover a cultura galega en Cataluña e da que forman parte na acutalidade nove asociacións da comunidade catalá. Nesta liña, salientou a impotancia dos Premios Alecrín, una cita anual xa consolidada que representa, remarcou, una gran festa da galeguidade e un claro exemplo da capacidade dos galegos e galegas.
Durante a súa intervención, o conselleiro lembrou ademais o firme compromiso da Xunta coas diferentes asociacións e centros galegos, destacando a importancia destas entidades na promoción da cultura e na preservación da lingua e da identidade en diferentes recunchos de España e tamén do mundo.
Por iso, sinalou, desde a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, se traballa para seguir ao lado destas entidades, traballando da man dos galegos que están no exterior e buscando maneiras innovadoras de manter e fortalecer os lazos culturais e sociais.
Premios Alecrín 2024
José González foi o encargado de entregar o premio Alecrín de Ouro no eido empresarial, que este ano recaeu en Jesús Pérez, xerente da Asociación de Comerciantes Industriais, Servizos e Autónomos (Acisa), unha entidade destacada do sector comercial galego e apoiada pola Xunta con máis de 220.000 euros para dinamizar o seu centro comercial aberto e impular a contratación de persoas traballadoras desempregadas.
O resto de premiados da edición compúxose por Carmen Rodríguez, directora da Coral Polifónica de Ribadeo (música); a artesana Elena Ferro (artesanía popular); Manuel Blanco, CEO de Pescados Rubén (empresa galega); Serxio María Rodríguez (investigación); Toño Jiménez, comunicador de Onda Bierzo (comunicación); Xosé Benito Reza (defensa da natureza); Manuel Fernández (emigración); Carmen Pérez (defensa da lingua galega); David Ballestar, director da Banda municipal de Ribadeo (traxectoria musical); Manuel Blanco, presidente do Club Deportivo Burela Fútbol Sala Feminino (deporte feminino) e Vanesa Ribas de Festigaleiros (innovación tecnolóxica).