A directora xeral de Xuventude acompañou os participantes desta actividade na súa visita ao Museo Histórico de Sargadelos, no municipio lucense de Cervo
Lara Meneses explicou que este campamento é un dos cinco programas con 200 prazas que ofrece a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude na campaña O teu mellor verán, dirixidos a persoas, de entre 18 e 30 anos, co obxecto de que “a mocidade desta franxa de idade conte con propostas alternativas de lecer saudable”.
Deste xeito, as persoas que sobrepasen a maioría de idade están a ter á súa disposición, desde o pasado mes xullo e durante todo agosto, cinco instalacións diferentes nas que desenvolver rutas, actividades artísticas, acuáticas ou de multiaventura. Neste caso, esta visita ao Museo Histórico de Sargadelos forma parte da programación do campamento A Devesa, no concello lucense de Ribadeo, na que se leva a cabo a ruta de interpretación ambiental ‘Camiño Real de Sargadelos’, que ten parada en Cervo.
Este albergue súmase ao de Cabana de Bergantiños, ao de Allariz, ao de Montañas de Trevinca na Veiga e ao complexo Cemar no Mondariz Balneario en canto á oferta de actividades para persoas entre 18 e 30 anos de idade, que o Goberno galego decidiu recuperar na programación deste ano dos seus campamentos de verán.
Programación ‘O teu mellor verán’
A representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude afondou na importancia de “promover actividades que fomenten, durante esta época de estío, a conciliación familiar e laboral”. Deste xeito, destacou que a Campaña de Verán da Xunta “está sendo un referente en todo o Estado polo alto nivel das súas actividades”. “Así é que Galicia se converteu en destino preferente, tanto para a mocidade galega como doutras comunidades ou do estranxeiro”, aseverou.
No caso concreto deste ano ofertáronse un total de 11.533 prazas, o que supón a maior oferta da historia destas actividades de verán que dependen da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. As opcións abranguen campamentos para mozos e mozas de entre 9 e 17 anos, actividades para maiores de 18 anos, minicampamentos, campos de voluntariado, o programa Conecta con Galicia para a mocidade galega no exterior e o uso das instalacións xuvenís xestionadas pola Xunta.