Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta impulsa 127 obras por máis de 7,8M€ en centros educativos da provincia

O Plan de Benestar e Accesibilidade na Escola acomete este verán 105 actuacións en 78 centros de Lugo, cun investimento de 2M€, para mellorar

Lugo, 28 de agosto de 2024. A Xunta de Galicia está a realizar este ano 127 actuacións en centros educativos de Lugo cun investimento total de máis de 7,8 millóns de euros. Hoxe, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, visitou o IES Lucus Augusti, onde explicou as intervencións que o seu departamento está levando a cabo no marco do Plan de Benestar e Accesibilidade na Escola (Plan BEN_Estar 2024), recentemente avaliado polo Consello da Xunta.

Este programa inclúe unha serie de pequenas e medianas obras que se desenvolven durante o verán para mellorar cubertas, aseos, ventás e ascensores. Na provincia de Lugo, estanse a realizar 105 intervencións en 78 centros, cun investimento de 2 millóns de euros. A nivel galego, son 535 melloras en 385 centros, cun importe total de 12,5 millóns de euros, a cifra máis alta dos últimos cinco anos.

Ademais destas pequenas intervencións estivais, a Xunta está a realizar 139 obras de grande envergadura, como ampliacións, rehabilitacións integrais e melloras de eficiencia enerxética. Estas obras, cun investimento de 71,3 millóns de euros en toda Galicia, están planificadas para todo o ano 2024, aínda que se intensifican durante o verán para aproveitar a ausencia de actividade lectiva nos centros.

En Lugo, estas grandes obras inclúen 22 actuacións cun investimento próximo aos 5,8 millóns de euros. As máis destacadas son a rehabilitación integral do IES Lucus Augusti, que hoxe visitou o conselleiro, e a modernización do CEIP de Riotorto.

Román Rodríguez destacou o compromiso da Xunta para renovar colexios e institutos, adaptándoos ás esixencias actuais. O conselleiro explicou que o Goberno galego “está modernizando os centros de ensino cun investimento sen precedentes, facéndoos máis eficientes, sostibles e axustados ás necesidades educativas”.

Rehabilitación no IES Lucus Augusti

No caso do IES Lucus Augusti, a reforma conta cun investimento de 3,3 millóns de euros e está previsto que remate a finais de marzo de 2025. Segundo os técnicos, a intervención poderá desenvolverse no interior sen afectar a actividade lectiva.

A rehabilitación inclúe a demolición de certos elementos, a renovación da carpintería exterior, melloras no illamento, e a instalación dunha caldeira de enerxía renovable que dará servizo a todo o edificio. A intervención principal será a recuperación da semicúpula do auditorio. Ademais, actualizaranse todos os espazos educativos, incluíndo os laboratorios de Química, con novas conexións dixitais e eléctricas. Actualmente, xa se están executando as demolicións dos laboratorios e pequenas obras de instalación.

Román Rodríguez subliñou que o obxectivo é rehabilitar o centro de forma integral. “Estas actuacións supoñen a modernización e actualización das instalacións, recuperando tamén as partes nobres deste conxunto histórico”, afirmou.

Exit mobile version