A Dirección Xeral de Patrimonio Natural sacou a licitación un contrato para sensibilizar á cidadanía sobre os ecosistemas existentes en catro desas zonas protexidas e outro para advertir da presenza destas aves ou dos seus niños nas áreas nas que están presentes
Estas accións de sensibilización poranse en práctica unha vez adxudicados os dous contratos, que foron licitados recentemente pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural e publicados na plataforma de Contratos de Galicia.
O primeiro deles está dirixido á elaboración de contidos, deseño e colocación de sinais exteriores que contribúan á concienciación da cidadanía sobre o patrimonio natural e a biodiversidade existente na contorna de catro dos espazos protexidos de Galicia recoñecidos coa categoría de Parque Natural: Baixa Limia-Serra do Xurés, Fragas do Eume, Invernadeiro e Serra da Enciña da Lastra. De feito, o contrato repártese en catro lotes, correspondéndose cada un deles cun deses catro parques naturais.
A licitación, que conta cun orzamento de máis de 125.000 euros cofinanciados co Programa Galicia Feder 2021-2027, busca poñer os medios para que os visitantes destes espazos accedan á información sobre os valores naturais destas áreas e os seus obxectivos de conservación.
Para iso empregaranse distintos elementos como tótems, paneis informativos, sinais de estrada, báculos e balizas que as empresas adxudicatarias deberán transportar e colocar na súa localización definitiva.
Protección de aves
O segundo contrato, relacionado coa píllara das dunas e ao abeiro do proxecto interrexional europeo Iberalex, ten como finalidade a subministración tanto de carteis permanentes como temporais nas praias e zonas húmidas nas que habita ou nidifica esta especie co obxectivo de informar á cidadanía da súa presenza e mellorar a conservación das súas poboacións.
O orzamento desta licitación -distribuída en dous lotes e cofinanciada con Fondos do Programa EP-Interreg VI A España-Portugal (Poctep) 2021-2027- supera os 120.000 euros. O primeiro dos lotes é para a subministración de 60 carteis de carácter permanente para a súa entrega e instalación nos areais dos distintos concellos das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra que teñen presenza desta especie.
O segundo lote céntrase na elaboración de algo máis de 200 carteis temporais para a súa entrega ao Centro de Recepción de Visitantes Casa da Costa do Parque Natural Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán para a súa distribución polas zonas de nidificación da especie.