A Dirección Xeral de Patrimonio Natural sacou a licitación un contrato para sensibilizar á cidadanía sobre os ecosistemas existentes en catro desas zonas protexidas e outro para advertir da presenza destas aves ou dos seus niños nas áreas nas que están presentes
Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2024. A Xunta vai destinar arredor de 250.000 euros á instalación de carteis informativos nos parques naturais da comunidade e nos hábitats nos que se atopa a píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) coa finalidade de concienciar á cidadanía sobre a importancia do coidado destes espazos e de protexer a flora e a fauna existentes na contorna.
Estas accións de sensibilización poranse en práctica unha vez adxudicados os dous contratos, que foron licitados recentemente pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural e publicados na plataforma de Contratos de Galicia.
O primeiro deles está dirixido á elaboración de contidos, deseño e colocación de sinais exteriores que contribúan á concienciación da cidadanía sobre o patrimonio natural e a biodiversidade existente na contorna de catro dos espazos protexidos de Galicia recoñecidos coa categoría de Parque Natural: Baixa Limia-Serra do Xurés, Fragas do Eume, Invernadeiro e Serra da Enciña da Lastra. De feito, o contrato repártese en catro lotes, correspondéndose cada un deles cun deses catro parques naturais.
A licitación, que conta cun orzamento de máis de 125.000 euros cofinanciados co Programa Galicia Feder 2021-2027, busca poñer os medios para que os visitantes destes espazos accedan á información sobre os valores naturais destas áreas e os seus obxectivos de conservación.
Para iso empregaranse distintos elementos como tótems, paneis informativos, sinais de estrada, báculos e balizas que as empresas adxudicatarias deberán transportar e colocar na súa localización definitiva.
Protección de aves
O segundo contrato, relacionado coa píllara das dunas e ao abeiro do proxecto interrexional europeo Iberalex, ten como finalidade a subministración tanto de carteis permanentes como temporais nas praias e zonas húmidas nas que habita ou nidifica esta especie co obxectivo de informar á cidadanía da súa presenza e mellorar a conservación das súas poboacións.
O orzamento desta licitación -distribuída en dous lotes e cofinanciada con Fondos do Programa EP-Interreg VI A España-Portugal (Poctep) 2021-2027- supera os 120.000 euros. O primeiro dos lotes é para a subministración de 60 carteis de carácter permanente para a súa entrega e instalación nos areais dos distintos concellos das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra que teñen presenza desta especie.
O segundo lote céntrase na elaboración de algo máis de 200 carteis temporais para a súa entrega ao Centro de Recepción de Visitantes Casa da Costa do Parque Natural Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán para a súa distribución polas zonas de nidificación da especie.