Estas intervencións forman parte do contrato con Seaga para o control da biomasa das marxes das vías da Xunta, cun investimento de 4 M€ en dous anos
Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2024. A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas desenvolverá ao longo da vindeira semana os traballos de limpeza nas marxes de catro estradas autonómicas ao paso polas provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.
Na provincia da Coruña, continuaranse os traballos na autoestrada autonómica AG-64, pasando polos concellos de Narón e Sadurniño.
No caso da provincia da Lugo, as actuacións levaranse a cabo nas vías de altas prestacións CG-2.3, en Viveiro e Xove; e CG-2.2, ao seu paso por Sarria e O Páramo.
Tamén se desenvolverán traballos de roza e limpeza na OU-402, en Castrelo de Miño, Ourense.
En canto á provincia de Pontevedra, proseguirán as intervencións na comarca do Morrazo, na CG-4.1 e na autovía AG-4.6, que unen os municipios de Moaña e Cangas.
As actuacións consisten no roce de vexetación na zona de dominio público das estradas autonómicas, así como no acondicionamento de zonas verdes en sendas peonís e glorietas e a reposición ou reparación de elementos de valado perimetral das estradas.
A Xunta, con este programa, segue a intensificar as súas accións para previr o risco de lumes e contribuír ao reforzo da seguridade viaria mediante o aumento da visibilidade e as accións para facilitar o tránsito de peóns e ciclistas.
Estas intervencións están enmarcadas no novo contrato coa empresa pública Seaga para o control da biomasa das marxes das estradas autonómicas, que conta, tralo recente incremento de 1 M€; cun investimento total de 4 M€ para os dous próximos anos.