A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, contou que “iniciamos un novo curso e con el chega a campaña da volta o cole. Con ela, dende Acisa Ribadeo pretendemos incentivar a que as compras de cara o vindeiro curso académico se fagan no comercio local. Esta é unha época de grandes vendas: libros, material escolar, uniformes, calzado, roupa de outono-inverno…. toca retomar a vida normal e para elo temos que prepararnos cos mellores produtos. E a mellor forma de facelo é confiando nas nosas tendas, onde podemos atopar todo o que precisamos para volver ao cole, cun trato personalizado e as maiores garantías”.
O xerente da asociación, Jesús Pérez, indicou que “a campaña desenvolverase entre o 30 de agosto e o 15 de setembro. Aquelas persoas que fagan as súas compras nos comercios asociados a Acisa recibirán papeletas para participar no sorteo de tres premios que poñemos en xogo: un colgante exclusivo de prata de lei con madreperla, xentileza de Galería Terra Branca; un reloxo Time Force modelo Status Chrono, valorado en mais de 300 euros, cortesía de Joyeria Azabache e 100 euros en vales de compra”.
E engadiu: “poñemos en circulación 8.000 as rifas nesta campaña da volta o cole de Acisa Ribadeo. O sorteo non presencial terá lugar o 16 de setembro a porta pechada nas nosas oficinas mediante un programa de xeración de números aleatorios, e posteriormente daranse a coñecer os gañadores nas redes sociais e nos medios de comunicación. As bases do sorteo poden consultarse na web e nas redes de Acisa”.
Cruzado Iglesias indicou que “esta campaña está cofinanciada pola Xunta de Galicia, no marco das axudas aos CCA, e queremos agradecer de xeito especial que o director xeral de Comercio, Gabriel Alén, participara na súa presentación. E moitas grazas, sobre todo, á colaboración de Galería Terra Branca e de Joyeria Azabache, negocios asociados a Acisa Ribadeo, que doan os premios que poñemos en xogo”.
Presidenta e xerente de Acisa animan “a mercar no comercio local, ese que temos a carón das nosas casas, no que traballan as persoas que coñecemos e onde recibiremos consellos e atención personalizada para elixir o que máis nos interesa para comezar un novo curso escolar con todos os produtos que necesitamos para afrontar tamén a chegada da nova estación, a chegada do outono”.
Na presentación da campaña participaron o director xeral de Comercio, Gabriel Alén, o alcalde ribadense, Dani Vega, así como a presidenta e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado e Jesús Pérez.