Site icon Crónica3.com A Mariña

A Plataforma Sanitaria da Mariña denuncia que “a Xunta e o Sergas deixan á Mariña nunha situación crítica no verán”

Os déficits sanitarios aumentan exponencialmente ao tempo que o incremento poboacional

A Mariña, 6 de agosto de 2024. A Plataforma Sanitaria da Mariña denuncia que durante o verán, e nomeadamente neste mes de agosto, a comarca está a sufrir graves deficiencias na Atención Primaria e Hospitalaria a maiores dos déficits que se veñen producindo durante todo o ano, de xeito que xunto co incremento por tres ou por catro na poboación temos menos servizos sanitarios en todos os niveis asistenciais.

Atención Primaria leva anos sen profesionais sanitarios para as persoas desplazadas

O nivel básico de saúde leva moitos anos xa padecendo os recortes tanto orzamentarios, como de autonomía, de recursos materiais ou de persoal, déficits que se incrementan durante os meses de verán ao tempo que a poboación se multiplica de xeito importante.

Unido ao feito de que desde hai xa varios anos que non se contrata persoal sanitario para atender ás persoas desplazadas, cargando con este aumento na presión asistencial ás e aos profesionais de plantilla, engádese a falta de cobertura do persoal que se ausenta por vacacións, baixas, xubilacións ou calquera permiso ao que teñen dereito as persoas traballadoras. Todo esto provoca axendas interminables e que superan todas as ratios na atención dos pacientes, agardas de ata 20 días ou máis para poder ser atendida nunha consulta médica ou profesionais que teñen que prolongar as súas quendas, e sin que nada desto garanta que se poida pedir una cita dun día para outro ou cun máximo de 48 horas agarda, como deberá acontecer sempre neste nivel asistencial.

O nivel hospitalario absorbe os déficits na Primaria e colapsa continuamente

O nivel hospitalario tamén ve mermado o seu normal funcionamento como consecuencia directa do deterioro na atención primaria, que produce continuos colapsos dos Servizo de Urxencias, xa que de xeito continuo ten absorber o que non pode resolver Atención Primaria cos medios dos que dispón. As consecuencias para a poboación tradúcese en horas e horas de agarda para poder ser atendidas, moito máis alá das agardas lóxicas que todas as persoas comprenden e que son resultado da priorización da asistencia pola súa gravidade.

Peche da planta de Medicina Interna e servizos sen persoal médico

Desde o colectivo sanitario mariñao denunciamos tamén a decisión do Sergas de pechar a planta de Medicina Interna, inaudita nuha comarca co triple ou cuádruple de poboación nestas datas e difícilmente explicable por ser una unidade médica na que non hai diminución da actividade como pode ocurrir nunha planta cirúrxica e obrigando á derivación cara ao HULA

A maiores, na actualidade o Hospital da Mariña está sen ningún especialista en Uroloxía nin en Cardioloxía o que ao entender da Plataforma Sanitaria é “vergoñento e un claro síntoma do que vimos denunciando de xeito continuado desde hai moitos anos e polo que fumos catalogados de alarmistas e mentireiros por parte dos cargos comarcais e nacionais do Partido Popular. Desgrazadamente están a cumplirse as nosas peores prediccións “- lamentan desde o colectivo

Exit mobile version