Fuciño do Porco
A ruta en barco ata o Fuciño do Porco esgotou as 12 prazas ofertadas para o 25 de agosto en cuestión de horas, polo que foi programada unha segunda data para o 21 de setembro que, ao igual que a primeira, será unha xeoruta en barco ao Fuciño do Porco con saída desde Viveiro, guiada polo xeólogo Fran Canosa.
O acceso desde terra a este punto a través das populares pasarelas está pechado actualmente e ata novo aviso, polo que esta actividade é unha proposta única para poder coñecer de preto o Fuciño do Porco e poder aprecialo desde a perspectiva que tiñan os mariñeiros que o bautizaron con este nome, coñecer e entender moito mellor a súa formación e paisaxe.
Esta ruta xeolóxica comezará no porto viveirense, desde onde os participantes embarcarán nunha lancha que os levará a través da ría de Viveiro ata este peculiar lugar pasando por fermosas praias e cantís.
Xove
Para o 8 de setembro está prevista a xeoruta Xove, unha ollada baixo a alfombra, para a que quedan 10 prazas libres, que estará dirixida polo xeólogo Fran Canosa. Nesta xeorruta terase a oportunidade de observar o aspecto das rochas nas profundidades da codia terrestre. Unha mestura de rochas ígneas de todas as composicións, deformadas a altísima presión e temperatura.
A Frouxeira
O 22 de setembro, da man do xeólogo Iván Rodríguez, haberá unha visita guiada á Frouxeira, entre Foz e Alfoz. Esta ruta, ao igual que as anteriores, tivo unha gran acollida e quedan 12 prazas libres para participar. Neste percorrido xeolóxico coñecerase o domo granítico da Frouxeira, un lugar singular con connotacións históricas debido á existencia, tempos atrás, dunha fortaleza, obxecto de asedio e destrución tras a derrota do Mariscal Pardo de Cela.
Cova do Rei Cintolo
A nova data programada é para o sábado 28, na que terá lugar a visita á do Cova do Rei Cintolo en Mondoñedo. Esta é a cova visitable máis grande de Galicia e unha marabilla natural moi apreciada polos xeólogos. A súa formación débese ao afloramento de rochas calcarias do Cámbrico Inferior, hai uns 530 millóns de anos, dando lugar a unha paisaxe kárstica con galerías, coladas, estalactitas e estalagmitas. 12 son as prazas libres que quedan neste momento
.
Todas as actividades de xeoturismo son gratuítas e están abertas ao público, pero é preciso anotarse previamente a través deste enlace:
https://amarinalucense.gal/es/geoturismo
Xeoturismo para coñecer A Mariña
Este programa de Xeoturismo, que goza de gran acollida entre veciñanza e visitantes e inclúe rutas e visitas xeolóxicas guiadas, desenvolveu xa diferentes actividades no mes de xuño, como foron o Xeo finde co que nenos e adultos se mergullaron no apaaixoante mundo dos minerais e descubriron os segredos da terra ou as formacións dirixidas aos axentes locais implicados no desenvolvemento do turismo no territorio do sector público, como técnicos e informadores das oficinas de turismo, xestores e Concellerías de Turismo ou áreas relacionadas, como do sector privado, persoal de aloxamentos, actividades turísticas, guías… e unha proposta de ubicación de elementos de sinalización de temática xeolóxica e de baixo impacto visual.