Os traballos, nos que a institución provincial inviste preto de 130.000€, afectan a un tramo de case tres quilómetros ao final da LU-P-1105 e consisten na reapertura das cunetas, pavimentación con aglomerado en quente e na reposición da sinalización
Lugo, 6 de agosto de 2024. A Deputación de Lugo vén de iniciar este martes os traballos de mellora da LU-P-1105, que conecta Ponte de Outeiro co Cinto Comarcal en Castro de Rei. Un proxecto no que a institución inviste preto de 130.000€ para o acondicionamento do treito final da vía, entre os puntos quilométricos 3,365 e o 6,003.
As obras comezaron coa limpeza das cunetas para mellora da drenaxe e continuarán coa pavimentación con aglomerado en quente e a reposición da sinalización. O prazo de execución previsto é de menos de un mes.
Trátase dunha actuación moi importante porque esta estrada dá servizo a varias casas e explotacións gandeiras, sirve de acceso a rutas de sendeirismo e é moi empregada pola veciñanza porque conecta a vía autonómica LU-120, no lugar da Ponte de Outeiro, co cinto comarcal (LU-P-1611) á altura da parroquia de Quintela.