Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación aproba investir máis de 190.000€ nunha obra que solucione as inundacións do barrio viveirense da Xunqueira

A Xunta de Goberno deu luz verde a un convenio de colaboración entre a institución provincial, o Concello e Augas de Galicia para aumentar a capacidade hidráulica do río Fontecova nun tramo de algo menos de 300 metros

Lugo, 9 de agosto de 2024. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres investir máis de 190.000€ nunha obra que solucione as inundacións do barrio viveirense da Xunqueira. Así o informou a Voceira socialista, Pilar García Porto, quen avanzou tras a sesión semanal que o convenio de colaboración entre a institución provincial, o Concello e Augas de Galicia fará posible o proxecto para aumentar a capacidade hidráulica do río Fontecova nun tramo de algo menos de 300 metros.

“Este novo compromiso, que adquirimos co Concello de Viveiro, enmárcase na nosa política de máxima cooperación con todos os concellos da provincia para que poidan ofrecer máis e maiores servizos ós seus veciños e veciñas”, argumentou García Porto. Engadiu tamén a Deputada que con esta colaboración “facemos posible que este concello mariñán poida afrontar o investimento que pide a Xunta de Galicia para acometer esta actuación tan necesaria. Unhas obras que terán un impacto enorme na vida da veciñanza e que evitarán traxedias como a que se viviu en novembro do 2018”.

Explicou a responsable provincial que entre as actuacións máis relevantes está prevista: a ampliación do leito do río, con novos muros de contención; a renovación e ampliación da ponte existente pouco máis arriba da estrada autonómica LU-540; a creación dunha obra de drenaxe pegada á ponte medieval Camiño da Fonte; a instalación dunha nova zona verde ao final da rúa na que se situará a fonte pública; e o traslado do actual lavadoiro, que se instalará máis abaixo do curso do río.

Programa de Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios

Por outra banda, a Xunta de Goberno tamén aprobou o último paso administrativo para o pago de 6 subvencións dentro do programa da Deputación para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios. En total son máis de 34.000€ para diferentes entidades dos concellos do Páramo, Viveiro, Friol, Riotorto e Cervantes. Un investimento da institución provincial que fixo posible diferentes actuacións importantes para a veciñanza destes municipios:

-Instalar o valado do campo da festa de Friolfe. 6.000€ á Asociación veciñal San Xoán de Friolfe (O Páramo).
-Acondicionar o campo de San Pedro en Lamas de Toxo. 6.000€ á Mancomunidade de montes Lamas de Toxo (Viveiro).
-Mellorar a área de descanso Tras a devesa. 6.000€ á Mancomunidade de montes O Faro (O Páramo).
-Acondicionar e dotar o centro social de Carballo. 4.691,73€ á Mancomunidade de montes de Carballo (Friol).
-Humanizar a contorna da fonte de Regocorto. 6.000€ á Asociación veciñal Santa Comba da Órrea (Riotorto).
-Mellorar o camiño veciñal de Deva. 5.483,11€ á Agrupación veciñal de Deva (Cervantes).

Estas achegas da Deputación son as últimas que quedaban por xustificar da segunda edición da liña de axudas deste programa que como sabedes naceu hai 3 anos e para o que se destinan cada ano 300.000€. “Un programa que está funcionando moi ben”, tal e como valorou García Porto, que lembrou que está dirixido a asociacións e agrupacións de veciños e veciñas, comunidades de usuarios e usuarias de augas, comunidades de montes ou asociacións de gandeiros, agricultores ou produtores forestais dos 67 concellos da provincia.

O obxectivo desta liña de axudas é poder realizar –con achegas que oscilan entre os 1.000 e os 6.000€- investimentos en inmobles ou equipamentos que permitan mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas, unha cuestión que, sen dúbida, é fundamental para fixar poboación no rural.

Exit mobile version