Licitado ademais, na Xunta de Goberno deste venres, o contrato para a adquisición dun camión 4×4 con caixa basculante e quitaneves para o Parque Mobil da institución provincial por un importe de preto de 210.000€
No que ten que ver coas obras, en Chantada foron adxudicados os traballos para acondicionar diferentes tramos de dúas vías provinciais á empresa Construcciones Leonardo Miguélez, SL por algo máis de 100.000€. Son a LU-P-1803, que une Camporramiro con Castro de Carballedo por Vilaúxe, entre os quilómetros 1,3 e 4,2; e a LU-P-1818, que conecta os núcleos de Xedive e Vilaúxe.
En ambos casos, as obras consisten na reapertura de cunetas, a limpeza da drenaxe, a reparación do firme, a pavimentación e a sinalización vertical. O prazo de execución é de menos de 2 meses.
En Friol foron adxudicados os traballos para acondicionar un tramo de máis de dous quilómetros da LU-P-2104, por un importe de máis de 62.000€, á empresa Cholo SL. As obras, que afectarán ao treito comprendido entre o inicio da vía e o punto quilométrico 2,7, consistirán na apertura de cunetas, reparación dos danos e repavimentación. O prazo de execución será de dous meses desde o inicio das obras.
“Esta é unha actuación importante para o concello de Friol porque esta estrada vertebra a parroquia de Xiá, conectando Portadornas e Lameiro”, valorou o Deputado.
Camión 4×4 con caixa basculante e quitaneves
A Xunta de Goberno aprobou ademais un investimento de preto de 210.000€ para contratar a adquisición dun camión 4×4 con caixa basculante e quitaneves para o parque móbil. O prazo de entrega será de 3 meses e o prazo mínimo de garantía en pezas e man de obra será de 3 anos.
Rivera Capón sinalou que “esta é unha dotación moi importante para todo o que ten que ver co noso compromiso de garantir a seguridade e a mobilidade polas vías provinciais, sobre todo no inverno”.
Servizo de mantemento de vehículos
Adxudicada tamén a contratación dun servizo de mantemento e reparación dos vehículos da Deputación de Lugo. A empresa adxudicataria é Rodi Galicia SL e o importe da adxudicación é de 22.990€. O prazo de duración do contrato é por un ano, coa posibilidade de dúas prórrogas anuais.
Lugo Termal
Ademais, a Xunta de Goberno sacou adiante o programa dunha nova edición de Lugo Termal para as anualidade 2024-2025 por un importe conxunto que supera os 120.000€. “Trátase dun dos primeiros pasos para a posta en marcha deste programa de termalismo da Deputación de Lugo dirixido a veciños e veciñas da provincia que teñan 50 anos ou máis”, explicou Pablo Rivera, quen incidiu en que aínda non está aberto o prazo para solicitar prazas, e que a institución provincial informará debidamente no momento en que se poidan presentar as solicitudes.
Remanentes do Plan Deputación en Barreiros
Xa por último, a Xunta de Goberno aprobou a solicitude que realizou o Concello de Barreiros para investir remanentes do Plan Deputación 2024 noutras actuacións. En concreto, este municipio destinará un total de 17.235€ para realizar unha pavimentación dun camiño no Canteiro, un lugar da parroquia de Benquerencia.