Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación aproba investir 230.000€ en Pol para completar as instalacións deportivas de Mosteiro

A Xunta de Goberno deu luz verde a un convenio de colaboración co Concello para levar a cabo cerramentos no polideportivo, a drenaxe perimetral da pista e mellorar as gradas do campo de fútbol dotándoas de equipamento e un sistema de climatización

Lugo, 2 de agosto de 2024. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres investir 230.000€ en Pol para completar as instalacións deportivas de Mosteiro. Así o informou a Voceira socialista, Pilar García Porto, quen lembrou que con esta nova achega a institución provincial leva xa investidos preto de 1M€ para dotar a este municipio dunha gran área de lecer e deportiva cun campo de fútbol de herba natural e un área de xogos.

“Un importante compromiso que adquirimos para que este espazo se converta nun eixo dinamizador social e económico da localidade que favoreza o asentamento de poboación no rural”, explicou García Porto.

Detallou a Deputada que gracias a este novo investimento poderán levarse a cabo diferentes actuacións importantes para completar unhas instalacións deportivas de primeiro nivel.

Neste sentido a institución provincial investirá algo máis de 47.080,27€ para os cerramentos do polideportivo, 43.757,79€ á mellora da drenaxe perimetral na pista e mellorar as gradas do campo de fútbol, achegando 45.265,10€ para o seu equipamento, 46.529,17€ para pinturas e revestimentos e outros 46.029,69€ para un sistema de climatización.

Programa de Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios

Por outra banda, a Xunta de Goberno tamén aprobou o último paso administrativo para o pago de 14 subvencións dentro do programa da Deputación para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios. En total son máis de 80.500€ para diferentes entidades de 11 concellos da provincia:

-Á MVMC San Miguel do Páramo de Castroverde, 6.000€ para o acondicionamento e mellora da fonte de Arrubial.
-Á MVMC de Villabad de Castroverde, 6.000€ para a mellora do firme do vial comunal no monte de Vilabade.
-Á asociación Aquilino Iglesia Alvariño de Cospeito, 3.997,3€ para o acondicionamento do caseto do río e a adquisición de equipamento.
-Á asociación veciñal Escola da Asnela de Espasante de Arriba, de Riotorto, 6.699€ para a mellora do entorno e acondicionamento da fonte pública da Vila.
-Á asociación de veciños Vilar de Santiago, de Riotorto, 5.690€ para o acondicionamento da fonte do lugar da parroquia da Muxueira.
-Á asociación de Santiago de Sobrecedo, en Taboada, 6.000€ para o acondicionamento de accesos e fontes.
-Á asociación de Agro Pena da Vila, de Friol, 5.274,5€ para a dotación dun local social.
-Á asociación Santa Cruz do Valadouro, 5.878,71€ para o acondicionamento dunha pista forestal.
-Á asociación Castro Celta de Taboada, 5.985€ para o acondicionamento dun local social.
-Á agrupación veciñal de Peizais, da Fonsagrada, 6.000€ para a mellora da traída de augas desta aldea da parroquia de Neiro.
-Á MVMC de Sabadelle Seixón de Portomarín, 6.000€ para a mellora e adecuación do firme en diferentes vías e accesos.
-Á MVMC de Filgueira de Palas de Rei, 5.981,81€ para o arranxo do lavadoiro e o sistema de abastecemento asociado.
-Á Agrupación Veciñal de Santalla, en Cervantes, 6.000€ para a rehabilitación da fonte e do seu entorno deste lugar situado na parroquia de Ambasvías.

Exit mobile version