A Xunta de Goberno acordou por dous anos de duración a adxudicación do contrato para o mantemento preventivo, correctivo e técnico nos centros da institución, co obxectivo de garantir a seguridade dos traballadores, dos usuarios e dos veciños e veciñas
Segundo explicou Pablo Rivera, “este servizo ten como obxectivo garantir a seguridade dos traballadores, usuarios e veciños, mediante a aplicación de medidas de mantemento preventivo, correctivo e técnico en todas as instalacións dos centros provinciais”. Entre as tarefas que se levarán a cabo atópanse a revisión, reparación e control de equipos esenciais como extintores, bocas de incendio, hidrantes, sistemas de detección e alarma, así como sistemas de control de fume e calor.
O Deputado destacou que este novo contrato “reflicte o compromiso da Deputación de Lugo coa seguridade e protección nos seus edificios, asegurando que as instalacións estean en condicións óptimas e cumpran coa normativa vixente”.
Ademais das actividades de mantemento, o contrato inclúe un plan de formación teórica e práctica para o persoal dos centros. “Esta formación resulta fundamental para que os empregados públicos estean preparados para afrontar situacións de emerxencia, coñezan as medidas preventivas e saiban utilizar correctamente os medios de extinción dispoñibles, garantindo evacuacións rápidas e seguras en caso necesario”, indicou Rivera Capón.
Así mesmo, a oferta da adxudicataria inclúe descontos significativos que beneficiarán á Deputación: un 40% nos prezos unitarios do mantemento preventivo, un 33% na man de obra e un 22% no mantemento correctivo.
Na sesión desta mañá, a Xunta de Goberno aprobou tamén a convocatoria e as bases específicas para o procedemento selectivo de cobertura dunha praza de enxeñeiro ou enxeñeira técnico de obras públicas, incluída na Oferta de Emprego Público da Deputación. Esta iniciativa forma parte do compromiso da institución por reforzar o seu cadro de persoal técnico especializado.
Éxito das rutas fluviais pola Ribeira Sacra
Por outra banda, o Deputado de Promoción Económica e Social destacou o éxito que están a ter as rutas fluviais pola Ribeira Sacra. “Durante esta ponte, as reservas para a Ruta Fluvial Canón do Sil están practicamente esgotadas, mentres que para a Ruta Fluvial do Cabo do Mundo só quedan dispoñibles as últimas prazas”, subliñou Pablo Rivera.
Así mesmo apuntou o Deputado que desde o inicio da tempada de verán, “máis de 21.000 persoas desfrutaron destas viaxes por un enclave natural único como é a Ribeira Sacra”. Engadiu ademais, “que xa se rexistraron máis de 10.500 reservas ata decembro, o que confirma as boas previsións deste servizo turístico”.
Este programa enmárcase na estratexia da Deputación de Lugo de promover un turismo sostible e de calidade, centrado en experiencias únicas e respectuosas co medio ambiente. As persoas interesadas en participar nalgunha destas rutas poden adquirir os seus billetes a través da páxina web da Deputación.