O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, explicou este venres que a institución provincial remitiu toda a documentación necesaria ao Concello de Castro de Rei e a solicitada polo Ministerio, polo que “o Alcalde mente porque é o único responsable de que este proxecto non vai adiante”
O Deputado explicou que o Alcalde de Castro de Rei fixo estas declaracións agora porque “sabía que era o culpable, pois el é o único responsable de que este proxecto non vaia adiante e se poida perder este importante investimento. Por iso mente cando di que dende a Deputación non remitiu ningún papel ao Concello, cando non é así e é moi fácil de demostrar porque temos a documentación coas datas nas que entraron no Rexistro”. Detallou que dende a Deputación se fixeron todos os trámites que lle solicitou o Ministerio, como a elaboración do memorándum, a valoración do inmoble, o cambio de titularidade do ben, o proxecto de segregación e a aprobación do acordo entre as dúas administracións (Deputación-Ministerio) para a concesión demanial da parcela por 75 anos para esta nova actividade social. Ao mesmo tempo, incidiu, en que foi o propio Ministerio quen dende un primeiro momento tomou a iniciativa para propoñer que este proxecto se desenvolvese na provincia de Lugo e así llo trasladou á Deputación de Lugo.
Así mesmo, Rivera Capón explicou que no mes de abril de 2024 a institución provincial remitiulle ao Concello de Castro de Rei o proxecto de segregación co obxectivo de que se expedira a declaración de innecesariedade de licenza municipal, tal e como establece o artigo 150.6 b) da Lei 2/2016 do Solo de Galicia. Transcorridos tres meses, a Deputación solicitoulle ao Concello a certificación de silencio administrativo positivo, segundo a Lei do Procedemento Administrativo. “Pero non foi ata que pasaron 6 meses cando o Concello de Castro de Rei remitiu un informe denegando expresamente a declaración de innecesariedade, polo que é evidente que non só quixeron dilatar o proxecto, senón que presuntamente puxeron todas as trabas posibles para que non saíra adiante por razóns puramente partidistas e ideolóxicas”.
O Deputado explicou que neste punto, o Ministerio viuse na obriga de renunciar a este proxecto de 17M€ polas trabas e problemas que se lle poñía dende o Concello para poder desenvolver esta iniciativa social, “pois dilatar máis no tempo o proceso podería implicar que non se cumpran os prazos de execución deste proxecto”.
Así mesmo, o Deputado aclarou que o Partido Popular “tamén mente cando di que a Deputación de Lugo perde fondos europeos en relación con este asunto, cando non é así, porque estes fondos execútaos o propio Ministerio, non a Deputación”.
Falta de responsabilidade institucional
Dende a Deputación de Lugo considérase que a decisión do alcalde de Castro de Rei é “unha demostración preocupante de que os intereses partidistas están a primar por riba do ben común. A súa negativa a avanzar cun proxecto que beneficiaría tanto á comunidade local como ás persoas refuxiadas só polo feito de ser impulsado por outra forza política é unha mostra clara de sectarismo e falta de responsabilidade institucional”.
Ao bloquear este proxecto debido a cuestións partidistas, o Alcalde está a prexudicar directamente á veciñanza de Castro de Rei. “A instalación dun centro de refuxiados non só suporía un xesto humanitario, senón tamén unha oportunidade de desenvolvemento económico e social para o concello, porque se xeraría emprego directo e indirecto, ademais de atraer fondos públicos e melloras en infraestruturas. Ao impedir que este proxecto saia adiante, o Alcalde priva ao concello dunha oportunidade de dinamizar a zona e de dar un novo uso a un espazo en desuso”.