Tras a reunión da FEMP en Sevilla, José Tomé Roca vén de enviar unha carta a todos os alcaldes e alcaldesas da provincia na que inclúe ademais información útil sobre o impacto da reactivación das regras fiscais nos orzamentos locais de 2024
Segundo explica na misiva, estes arquivos que o mandatario provincial recolleu na última reunión da FEMP celebrada en Sevilla o pasado mes de xullo e na que participou, “poden ser de interese para os concellos”.
Concretamente, a información sobre o impacto da reactivación das regras fiscais nos orzamentos locais de 2024 inclúe tamén cuestións como cal é o obxectivo de regra de gasto deste ano ou que deben facer as entidades locais no caso de pechar o presente exercicio con déficit; ademais, as ordenanzas de transparencia pública e de recollida de residuos poden facilitar moito o labor daqueles concellos que pretendan poñer en marcha este tipo normativas.