O Presidente e o Secretario Xeral da Confederación de Empresarios de Lugo veñen de asinar no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración para financiar os gastos de funcionamento da entidade
José Tomé destacou a importancia desta colaboración, afirmando que “a CEL desempeña un papel crucial na promoción das empresas da provincia. Esta achega permitirá á entidade continuar co seu labor de apoio aos empresarios e de fomento da creación de emprego”. Subliñou que esta colaboración é un exemplo do compromiso da institución “co fortalecemento do tecido empresarial da provincia, e o impulso de sectores como o agrogandeiro, o comercio, a hostalería, o turismo ou a industria”. Así mesmo, destacou que dende a institución provincial se seguirá colaborando coa CEL para impulsar proxectos que “fortalezan as nosas empresas e xerando novas oportunidades de emprego”.
A Deputación de Lugo reafirma así a súa aposta pola cooperación entre as administracións públicas e as entidades empresariais para afrontar os desafíos económicos actuais. Este apoio económico axudará a CEL a manter os seus servizos, pero tamén “a ofrecer asesoramento, formación e recursos valiosos aos empresarios da provincia, contribuíndo ao desenvolvemento e á estabilidade económica local”, detallou o Presidente.
Esta nova colaboración vén a reforzar a estreita relación que a Deputación mantén coa Confederación de Empresarios de Lugo na organización e desenvolvemento de diferentes iniciativas, subliñando a importancia de traballar conxuntamente para seguir favorecendo e impulsando o crecemento económico da provincia”.
A Confederación de Empresarios de Lugo foi fundada en 1977 como entidade sen ánimo de lucro, de carácter intersectorial e de ámbito provincial.