O Presidente, José Tomé Roca, asinou coa presidenta da entidade un convenio de colaboración que permite que os seus usuarios poidan asistir ao Colexio Edes, un centro específico situado no concello asturiano Tapia de Casariego
Lugo, 14 de agosto de 2024. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, vén de asinar no Pazo de San Marcos un convenio coa presidenta da Asociación Nenos Ponte dos Santos, María José Sante Riopedre, a través do cal a institución provincial achega a esta entidade 14.000€ para colaborar co transporte escolar.
O mandatario provincial puxo en valor o labor que desenvolve este colectivo na integración e mellora da calidade de vida e de benestar dos nenos e nenas usuarios e tamén das súas familias. Tomé Roca, tamén subliñou que “o seu traballo é fundamental para construír unha sociedade máis xusta, inclusiva e igualitaria”.
A través desta axuda os usuarios e usuarias do colectivo, formado por familias con nenos e nenas con discapacidade dos concellos de Alfoz, Foz, Barreiros, Cervo e Ribadeo, poden asistir ao Colexio Edes. Trátase dun centro específico, situado no municipio asturiano Tapia de Casariego, que recibe alumnado con discapacidade intelectual desde os 3 ata os 20 anos de idade. Así mesmo, conta cunhas instalacións adaptadas ás necesidades dos estudantes como salas de estimulación ou aulas de audición e linguaxe, entre outros espazos.
A metodoloxía de traballo que se desenvolve neste centro educativo vai dirixida a mellorar o desenvolvemento integral dos alumnos, fomentando a aprendizaxe de habilidades persoais e laborais necesarias para aumentar a súa autonomía. Nesta liña, participan en obradoiros de cociña, teatro, horta e xardinería ou comercio e, ademais, tamén reciben clases de música, educación física, fisioterapia e sesións individuais de logopedia, dependendo das necesidades de cada alumno.