Viveiro, 29 de agosto de 2024. A Concellería de Mercados do Concello de Viveiro vén de solicitar unha reunión co Director Xeral de Comercio e Consumo, D. Gabriel Alén Castro, para abordar cuestións relativas á Praza de Abastos de Viveiro.
A concelleira Iria Cotelo solicitou recentemente a subvención da rede de Mercados Excelentes. Esta subvención contempla a realización dunha diagnose de situación da Praza de Abastos que permitirá identificar as necesidades específicas de comerciantes e persoas usuarias.
Paralelamente, estase a elaborar un anteproxecto de reforma, co obxectivo de modernizar e adaptar as instalacións aos estándares actuáis, para garantir un espazo máis funcional, atractivo e eficiente.
“Trátase dun proxecto ambicioso que busca non só a revitalización e modernización da Praza de Abastos, senón tamén o impulso do produto de proximidade e a mellora da calidade de vida dos nosos veciños e veciñas,” declarou a concelleira de Mercados.
“O noso obxectivo final é acadar a excelencia da Praza de Abastos do Concello de Viveiro, converténdoa nun referente de calidade e servizo, e por iso solicitamos esta xuntanza”, engadiu.
A concelleira sinalou que a reunión co Director Xeral de Comercio e Consumo “é fundamental para que este coñeza de primeira man a situación actual e poida valorar as melloras necesarias que estamos a propoñer”.
Cotelo reitera o seu compromiso “co desenvolvemento económico e social de Viveiro, apostando pola modernización das infraestruturas comerciais e polo apoio ao comercio local e ao produto de proximidade”.