“Sabemos que os datos dos informes poden utilizarse de forma neglixente, pero neste caso é unha barbarie. Os datos da tesourería indican que a recadación prevista para o 2025 é de 2.847.754 euros fronte aos 2.833.975,16 euros previstos para este ano. O incremento é de só 13.779 euros, un 0,5% máis, e non o que di o líder da oposición dun 3,8%. Son datos e hai que dalos e non malinformalos”, explica Inés López Couto, que engade: “se non entenden os informes poden esperar á comisión informativa para ter máis datos, antes de saír a faltar ao respecto porque si”.
A concelleira de Facenda manifesta ademais que “o señor Castiñeira subiu o IBI de forma lineal máis dun 50%, no peor da crise do ladrillo, cando peor o estaban a pasar as familias. Ademais a nós,nunca se nos ocorrería inventarnos unha bonificación que estivera fóra da lei, tal e como prometeu o 14 de abril de 2023 o señor Castiñeira, indicando que ía bonificar aos empadroados, o cal está fora de toda normativa e aínda non nos explicou a que punto da lei se ía acoller”.
Inés López Couto engade: “cremos na progresividade e na xustiza social, por iso a proposta establece unha bonificación ás familias numerosas en función dos seus ingresos, tal e como marcamos no programa electoral. Igualar os tipos serve para que os veciños do rural non se vexan prexudicados”.
A edil de Facenda comenta tamén: “sexamos serios. Unha subida no tratamento do lixo a metade de curso como fixo Sogama (os custes increméntanse máis dun 33%) sen ningún aviso e cando o orzamento xa está aprobado, moi por riba da subida das taxas do lixo que non chegarán para pagar este incremento, é un ataque sen escrúpulos á administración máis pequena, que son os concellos”.
“Pedimos rigor, que se argumente e non se insulte. Ao insulto só recorren os que non teñen capacidade para argumentar”, finaliza a concelleira.