“Se tan interesada está nas festas e xa que asegura que ten moitos contactos, en vez de degradar a imaxe de Viveiro debería pedirlle á Xunta un concerto importante na nosa vila, como fai o goberno galego noutros concellos”, engade
Viveiro, 14 de agosto de 2024. A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, critica a incoherencia da portavoz do PP, Mariña Gueimunde, que fala de “abandono e deixadez das festas patronais, cando o ano pasado dicía todo o contrario, que eran un despilfarro”.
“Un exemplo máis da forma de facer política da portavoz do PP, que desde que entrou na corporación o único que fai é criticar todo, con comportamentos pouco adecuados nos plenos cando a señora Gueimunde é tamén xefa territorial do Mar”, afirma Loureiro.
“Colaboramos con todas as comisións de festas das parroquias e somos o único concello da comarca que organiza directamente as festas patronais, costeadas polos veciños e veciñas”, lembra a alcaldesa, “e o PP sabe que pola súa culpa non houbo orzamentos ata xuño, o que retrasou moitas contratacións”.
“Non se pode contratar sen unha proposta de gasto previa, para a que é imprescindible contar cun orzamento”, asegura a alcaldesa, “e no caso das festas, por exemplo, só a instalación do palco das actuacións ten un custo de 16.000 euros, ou o equipo técnico de son son 4.000 euros diarios”.
“Se tan interesada está nas festas e xa que asegura que ten moitos contactos, en vez de degradar a imaxe de Viveiro debería pedirlle á Xunta un concerto importante na nosa vila, como fai o goberno galego noutros concellos”, engade.
“Apostamos polos grupos locais e Viveiro mantén a Feira de Artesanía, a Feira do Libro ou a Mostra Folclórica; unhas festas adaptadas á realidade económica do concello”, remata Loureiro, que lle pide á portavoz do PP “altura de miras, que a súa única política non sexa bloquear proxectos”.